Escoitar

O mércores, 3 de abril, comezan as obras de humanización do Calvario

mércores, 27 mar 2002
A vindeira semana principian as obras de humanización da rúa Urzaiz ao seu paso polo Calvario. O proxecto que vai executar o Concello prevé a total transformación do espacio público situado entre as rúas Leon e Sagunto co obxectivo de convertelo nunha área comercial apta para o paseo. Colocarase un pavimento de pedra semellante ao da rúa Velázquez Moreno, ampliarase a zona peonal, instalaranse colectores de lixo soterrados, novo arborado e mobiliario urbano. Ademais, aproveitaranse os traballos para renovar as conduccións de saneamento e para colocar redes de servicio urbanas. O presuposto da obra é de 870.000 euros.

Nos orzamentos municipais recentemente aprobados figura outra partida de 900.000 euros para continuar co proceso de humanización do Calvario. O Goberno municipal prevé estender a actuación ata a rúa Gregorio Espino.

Corte de tráfico

Para causar as menores molestias posibles, o Concello executará esta obra en 5 fases diferentes, que se desenvolverán durante os próximos catro meses. Desta maneira facilitarase o acceso dos residentes á zona, a circulación polas rúas transversais a Urzaiz e os labores de carga e descarga.

En calquera caso, mentres duren as obras, non se vai poder realizar integramente o traxecto entre o cruce dos Choróns e o cruce coa rúa Martínez Garrido, polo que se recomenda aos automobilistas que circulen entre o centro da cidade e a zona de Lavadores que utilicen a rúa Jenaro de la Fuente. O transporte público tamén será desviado por esa rúa mentres duren os traballos.

A primeira das fases nas que se dividiu a execución do proxecto afectará ao treito comprendido entre as rúas Cataluña e Extremadura. As persoas interesadas en saber cal será o aspecto que terá a zona unha vez rematadas as obras pode contemplar a maqueta que está exposta no mercado do Calvario.