Escoitar

Xuventude convoca actividades relacionadas co fomento da creatividade

martes, 26 mar 2002
A convocatoria do concurso de pintura e debuxo «Mirarte», súmase a outras iniciativas da Concellería da Xuventude para o fomento da creatividade dos mozos e mozas de Vigo.

Outras plataformas promocionais para os novos creativos son a sala de exposicións «Mirarte», que inicia nova rolda de mostras, e o concurso radiofónico do que próximamente coñecerémo-los seus gañadores.

O Concurso de Pintura e Debuxo «Mirarte» está aberto a tódolos alumnos e alumnas matriculados en centros públicos de Ensino Secundario de Vigo. O obxectivo é fomentar e estimula-la creatividade artística dos mozos da nosa cidade. Igual que con outras actividades da Concellería de Xuventude, con esta iniciativa tamén se pretende ofrecer ós mozos vías de expresión e de lecer que supoñan un progreso no seu desenvolvemento como persoas. Esta actividade foi unha proposta do Instituto de Coruxo dentro do programa «Móvete con Vigo», que se extendeu a toda a comunidade educativa.

O certame ten un primeiro premio valorado en 150 euros e un segundo valorado en 90. Os xoves que estén interesados teñen un prazo que rematará o 15 de maio ás 14 horas.

Nova rolda de Mirarte

En canto á nova programación de Mirarte, as exposicións da Casa da Xuventude, o 9 de abril iníciase con Xulio Pérez Conde, que presenta unha mostra titulada «Chamotalia», adicada á cerámica. A continuación, o 23 de abril, inaugúrase unha colectiva fotográfica de «Médicos sen fronteiras», coincidindo co seu 30 aniversario.

Un variado colectivo de pintores protagonizará a seguinte mostra, que se inaugura o 7 de maio, baixo o título «Volumes V». O 21 de maio ábrese a mostra do colectivo infantil Tamt, que se continuará o 4 de xuño coa exposición dos traballos que se presenten ó concurso «Mirarte». O 18 de xuño inaugúrase a mostra dos alumnos de Carmen Bernal, para continua-lo 2 de xullo cunha mostra da Escola Técnica de Xoiería do Atlántico, cunha proposta titulada «Art-istaL». Esta rolda de «Mirarte» chega ó seu fin coa inauguración da mostra do Clube de Xoves pola Saúde, unha exposición dos traballos dos obradoiros que estes mozos realizan. Ábrese o 16 de xullo.