Escoitar

Santiago Domínguez presenta os finalistas do concurso radiofónico

martes, 2 abr 2002
imx1248.jpg
Presentación no Nashville
A Concellería de Xuventude presentou os finalistas do concurso radiofónico mediante o que se seleccionarán os locutores do programa xuvenil ”Chimpa nas ondas” que se emitirá en Radio Ecca. Na festa que se celebrará o venres, 5 de abril, na sala Nashville daranse a coñecer os dous gañadores.

O concelleiro Santiago Domínguez explicou que este programa radiofónico sen ataduras informativas será un instrumento propio da mocidade para difundir actividades xuvenís. ”Recibíronse 73 gravacións, polo que se superaron as expectativas de éxito, o que demostra que hai inquedanza da mocidade por achegarse aos medios de comunicación”, sinalou Domínguez.

Na selección dos finalistas valoráronse a dicción, estilo radiofónico, orientación da información e o perfil dos concursantes. Martiño Prada, Guadalupe González, Carlos Domínguez, Martiño Vázquez, Sandra Álvarez e Susana Bastón foron os aspirantes que superaron esta primeira fase do proceso de escolma.

O venres, 5 de abril, daranse a coñecer os nomes dos gañadores no transcurso dunha festa que principiará ás 21:30 coa actuación de Vicus Spacorum e Mooncresta na sala Nashville.

Este concurso, ademais dos de pintura e literatura, enmárcanse na campaña ”Móvete con Vigo” que pretende dinamizar a mocidade en tódolos eidos.

O responsable de Radio Ecca, Juan Caballero, destacou que este programa está vinculado á orixe educativa e cultural desta emisora. Os gañadores obterán unha cámara dixital de fotografía e unha gravadora de audio e os finalistas, unha estatuíña conmemorativa da Fundación Ecca.

O programa terá periodicidade semanal e emitirase os sábados de 11.30 a 12:00 en Radio Ecca.

Descargar todas as imaxes