Escoitar

O Concello cédelle un local á asociación de veciños de Teis

luns, 8 abr 2002
O Goberno autorizou na súa reunión de hoxe a utilización por parte da Asociación de veciños de Teis do baixo do chalé municipal Atalaia. O soto deste inmoble está ocupado por unha Escola Infantil Municipal, pero tanto o baixo como o primeiro andar permanecen baleiros.

O Goberno quere darlle utilidade a eses espacios e pensa que os dous andares libres poden ter tamén unha utilización social. Por iso permitirá que a asociación de veciños empregue o baixo e destinará o primeiro andar a albergar outras asociacións non lucrativas que carezan de local. Con esta medida e coa próxima inauguración do Centro cívico e do Auditorio de Teis darase un gran paso adiante no camiño para proporcionarlle unha rede de equipamentos socio-culturais axeitada aos veciños e veciñas dese barrio.


Convocatoria de subvencións da Concellería de Educación

Outro acordo adoptado pola Comisión de Goberno é o de convocar as subvencións deste ano da concellería de Educación. O prazo para solicitalas abrirase o vindeiro dous de maio e as bases pódense consultar dende hoxe no Concello. En total destinaranse 24.040 euros a subvencionar iniciativas didácticas dos centros de ensino promovidas tanto polos propios centros como polas Anpas. Seguindo a liña de actuación marcada polo departamento Municipal de Educación terán preferencia á hora de recibir as axudas aquelas propostas que incidan no fomento de valores de solidariedade, tolerancia e non violencia.