Escoitar

A Concellería de Turismo implanta unha oficina técnica para mellorar a imaxe de Vigo que reciben os visitantes

O tenente de alcalde e concelleiro de Turismo, Santi Domínguez, anunciou este venres a posta en marcha dun novo servizo destinado a mellorar a imaxe que reciben de Vigo os turistas que visitan a cidade. Segundo explicou Santi Domínguez, trátase dunha oficina técnica que terá como cometido percorrer os espazos da cidade máis visitados polos turistas "co obxectivo de comprobar os principais problemas estéticos e de infraestruturas que presentan co fin de levar a cabo actuacións de mellora".

venres, 5 xuñ 2009
1244199781praiatombodogato.jpg
O nacionalista subliñou que é a primeira vez que Vigo vai contar cun servizo destas características. O tenente de acalde avanzou que a nova oficina técnica comezará a funcionar o vindeiro 15 de xuño. "Con esta iniciativa, a Concellería de Turismo quere estar permanentemente informada de todas as necesidades que se presenten nas rúas máis frecuentadas de Vigo de cara á chegada de turistas e darlle unha solución rápida", salientou Santi Domínguez. A comprobación do estado das distintas zonas da cidade centrarase preferentemente no Casco Vello, o Paseo de Alfonso, As Avenidas, o Ensanche ata a Praza de España, O Castro, Castrelos, A Guía e a zona de praias.

Segundo Santi Domínguez, en todas estas zonas comprobarase a cotío que problemas de índole estética, infraestruturas e frecuencia de visitantes se producen. "Queremos que este traballo o desenvolva unha persoa dotada cun claro criterio turístico e que coñeza perfectamente a cidade", asegurou. Ademais, entre os seus cometidos tamén figura realizar as tarefas de coordinación con outras figuras profesionais da Concellería de Turismo que desenvolvan o traballo de información turística en outros puntos concretos.

Facilitar información concreta para o mantemento de rúas e fachadas, adaptación da sinaléctica das rutas da cidade co obxectivo de evitar aglomeracións, comprobar o fluxo de visitantes e manter permanentemente informadas ás oficinas de Turismo das novidades diarias centran algúns dos cometidos deste novo servizo da Concellería de Turismo. "A posta en marcha desta oficina técnica supón o desenvolvemento de actuacións conxuntas e coordinadas entre os diversos departamentos municipais", sinalou o tenente de alcalde. Segundo Santi Domínguez, coa implantación deste novo servizo, será posible ofrecer aos visitantes que se acheguen á cidade "ás mellores rutas en función das circunstancias de cada xornada e poñer en valor distintas zonas de Vigo".
Descargar todas as imaxes