Escoitar

O Padroado do Quiñones de León acorda organizar unha mostra cos fondos plásticos do museo no 2010

O Padroado do Museo Quiñones de León acordou onte organizar unha exposición cos seus fondos plásticos na Casa das Artes no segundo semestre do 2010, segundo informou este xoves o concelleiro de Patrimonio Histórico, Eudosio Álvarez. Segundo salientou o edil, este proxecto forma parte do "novo reto" proposto dende Patrimonio Histórico para poñer en marcha o futuro Museo da Cidade.<br /> <br />

xoves, 4 xuñ 2009
1244119327roldadosio.jpg
"É o momento de dar un salto cualitativo no Museo da Cidade, porque temos cartos para facelo e cando nos faga falta os buscaremos nas entidades públicas", subliñou Eudosio Álvarez. Segundo o concelleiro de Patrimonio Histórico, "o que se merece Vigo é un museo co corazón e a cabeza en Castrelos pero con proxección en toda a cidade". Neste sentido salientou a importancia de que a exposición dos fondos plásticos de Castrelos se faga na Casa das Artes, posto que a seu xuízo son "os máis importantes de Galiza que existen nunha institución pública". A este respecto sinalou que "confiamos en que tras a exposición, boa parte deles se trasladen inmediatamente á nova pinacoteca que imos adquirir e rehabilitar".

Na súa intervención, o concelleiro de Patrimonio Histórico deu conta dos diferentes asuntos tratados na xuntanza do Padroado do Museo, como o nomeamento de Lois Cea como novo director do museo con carácter de urxencia, en sustitución de José Ballesta, que está de baixa. Ademais, explicou as propostas tratadas onte, "que a volta do verán deberán ser aprobadas ou corrixidas". Entre elas destacou o propósito de converter o Museo Quiñones de León no Museo da Cidade, a base de estruturar a prehistoria e a historia da cidade tanto dende o punto de vista obxectual como de acontecementos.

Eudosio Álvarez explicou neste sentido que o discurso expositivo deste proxecto "non só terá como continente o Quiñones de León", senón tamén o monte do Castro, onde se están investindo un millón de euros, e o contorno de Toralla, onde se investirá ao remate de todas as obras outro millón de euros. Lembrou a intención da Concellería de Patrimonio Histórico de adquirir un espazo específico para instalar as coleccións pictóricas, "cun uso específico para este servizo e de uso público", segundo reiterou. Ao respecto sinalou que trasladou ao Padroado a posibilidade de adquirir un edificio no casco histórico para poñer en marcha este proxecto. "Aproveitando os procesos de rehabilitación dos cascos históricos, podemos convertilos en espazos expositivos como acontece noutras cidades europeas", sinalou.

"Trasladei ao patronos que a Concellería de Patrimonio Histórico non vai perder a opotunidade de adquirir un edificio no casco histórico para poñelos a disposición do futuro museo da cidade", indicou. Ademais, Eudosio Álvarez destacou que esta adquisición se efectuaría "con cargo aos orzamentos da Concellería de Patrimonio Histórico", porque ao seu xuízo os investimentos "hai que levalos nos orzamentos xerais da cidade e levalos aos procesos de aprobación propios do Concello de Vigo". Afirmou tamén que se algún edificio é adquirido no centro histórico da cidade será para a función "tantas veces prometida e nunca cumprida de expoñer os valores pictóricos".

O concelleiro de Patrimonio Histórico destacou tamén que dentro do obxectivo xeral de "identificar á cidade co seu museo", o Padroado plantexou a posibilidade de organizar ao longo do 2010 dúas exposicións. Unha delas tería como nucleo central a referenza aos próceres de Vigo, é dicir, "ás persoas que axudaron a construir a cidade tal e como hoxe a coñecemos". A segunda centrariase no patrimonio industrial da cidade, "tanto dende o punto de vista empresarial como dos traballadores", puntualizou.

Asemade, Eudosio Álvarez explicou que finalmente no Padroado trataron a necesidade de aumentar paulatinamente os recursos humanos do museo da cidade. "Non podemos vivir continuamente de asistencias técnicas", sinalou ao respecto, e anunciou que "primeiro hai que cubrir a praza que contempla o orzamento de este ano, de conservador". Neste sentido indicou que sairá a concurso na próxima oferta pública de emprego e que despois do verán se presentará o "cadro de necesidades" do novo museo da cidade.

"Non haberá parálise en absoluto, senón haberá continuidade de traballo entre o Museo Quiñones de León e o futuro Museo da Cidade", asegurou. Edusio Álvarez salientou que este futuro museo se constituirá en base aos "criterios máis avanzados dos museos das cidades cidades europeas".
Descargar todas as imaxes