Escoitar

Isaura Abelairas salienta que as comisións de seguemento das obras cos sindicatos e os comerciantes "marcan un antes e un despois" en Vigo

Tras a reunión da comisión de seguemento, a concelleira de Vías e Obras salientou o "espírito de colaboración" dos comerciantes para "minimizar o impacto" das obras no sector, na que comunicoulles os prazos de finalización de cada humanización do Plan E. A presidenta da Federación de Comercio, Encarna Álvarez, definiu esta reunión como "moi positiva" e permitirán que "todos os problemas que xurdan se solucionarán".

mércores, 3 xuñ 2009
1244033632reunioncomision3.jpg
A concelleira de Vías e Obras, Isaura Abelairas, encabezou este mércores a reunión da comisión de comercio nas obras do Plan E do Goberno de España, tras a que salientou que esta mesa, xunto ao seguemento das condicións laborais que están a realizar os sindicatos, "marcan un antes e un despois" na forma de actuar do Concello de Vigo na obra pública.

Abelairas salientou que as comisións de traballo conxunto cos sindicatos e cos comerciantes é un modelo que pode ser exportado a outros concellos, e resaltou ao remate da comisión o "espírito de cooperación" mostrado polos comerciantes para "minimizar o impacto" das obras no sector "co consenso de todos".

A edil comunicou aos comerciantes, "rúa por rúa", as especificacións técnicas das humanizacións e os prazos nos que está prevista á finalización da obra. Pola súa banda, os comerciantes puxeron enriba da mesa as súas demandas, principalmente que se cumpran os prazos de execución e cuestións relativas ao aprovisionamento e á iluminación dalgunhas zonas.

A presidenta de FECOVI -a Federación de Comercio de Vigo-, Encarna Álvarez, cualificou de "moi positivo" este encontro e estimou que a comisión de seguemento do comercio permitirá que "todos os problemas que xurdan se solucionarán".

Álvarez valorou especialmente que Vías e Obras facilite os prazos de execución de cada obra da cidade, unha ferramenta que permitirá aos comerciantes manexar os tempos para "colaborar coa estética da cidade" mellorando as súas fachadas, cambiando as reixas ou a súa imaxe corporativa, segundo indicou a presidenta.

Isaura Abelairas avanzou que a próxima reunión da comisión de comercio terá lugar "en 15 días" e Encarna Álvarez mostrou pola súa banda "cooperación" e "toda a vontade" para que as obras acaben "en prazo e da mellor maneira posible".
Descargar todas as imaxes