Escoitar

Abel Caballero avoga por convertir a Vigo en "cidade punteira das novas tecnoloxías"

O alcalde presidiu este xoves a reunión do Consello Asesor da Alcaldía de Novas Tecnoloxías, coa presenza da dirección de Telefónica, Vodafone, R e o INEO, entre outros, a quen lle encargou a elaboración dun informe que propoña medidas concretas que convertan a Vigo en "cidade punteira das novas tecnoloxías".

xoves, 4 dec 2008
1228398637tic.JPG
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, presidiu un novo encontro do Consello Asesor das Tecnoloxías da Información e Comunicación no que se acordou a elaboración dunha lista concreta de proxectos que serán implementados polas principais empresas en novas tecnoloxías, liderado desde a Alcaldía, co obxectivo de converter a Vigo nunha "cidade punteira" a nivel estatal.

Unha vez elaborados, os proxectos concretos serán enviados á Xunta de Galicia e ao Goberno de España, afirmou o alcalde, que proporcionarían a posición punteira de Vigo en novas tecnoloxías.

Vodafone, Telefónica, R ou INEO participan no Consello, polo que o alcalde subliñou o "gran nivel técnico do mesmo". Segundo informou Abel Caballero, se puxo enriba da mesa a mellora da cobertura da banda ancha no rural de Vigo, unha terceira parte da poboación viguesa, que foi definida polo alcalde de "insatisfactoria ou inexistente", unha cuestión asumida como prioritaria polo Consello.

Tamén se presentará en próximas reunións, explicou o rexedor, un estudo sobre un proceso de formación e emprego que permitiría facilitar a reincorporación ás empresas TIC de persoal cualificado noutros sectores tecnolóxicos non vencellados directamente coa información e a comunicación.
Descargar todas as imaxes