Escoitar
A sinatura dos convenios inclúese no Plan Municipal de Emprego

Empresas da cidade comprométense á formación ocupacional e contratación de desempregados

mércores, 4 abr 2001
O concelleiro de Desenvolvemento Local e Emprego, Delfín Fernández Álvarez, asinou cinco convenios de colaboración con diferentes empresas da cidade, que desenvolverán cursos de formación ocupacional para 75 desempregados co compromiso final de contrataren o 50% dos participantes por un período no inferior a tres meses, sempre e cando rematen satisfactoriamente a acción formativa.

As empresas asinantes dos devanditos convenios son Alcampo, S.A., que levará a cabo os cursos de “Caixeiro/a de grandes superficies” e “Empregado/a de hipermercado”: Foncalor (Asociación provincial de instaladores de fontanería, calefacción, gas, climatización, mantenemento e afíns de Pontevedra) para o curso de “Instalador/a de sistemas de calefacción e gas”: Vegonsa Agrupación Alimentaria,S.A. para o de “Dependente/a polivalente da distribución alimentaria”: e por último, Instalectra (Asociación autónoma de empresarios de instalacións e reparacións eléctricas da provincia de Pontevedra) que desenvolverá o de “Operarios/as cualificados/as en empresas instaladoras de electricidade”.

Os beneficiarios destes cinco cursos seleccionaranse entre as persoas entrevistadas polo persoal do Servicio de Orientación Laboral do Concello, que teñan dentro do seu itinerario formativo a necesidade de realizar cursos de formación ocupacional para mellora-las súas condicións de ocupabilidade.

Este Programa de formación en empresas, para o que a Concellería de Desenvolvemento Local e Emprego nesta primeira edición destina máis de 12 millóns de pesetas, supón continuar na liña da experiencia exitosa obtida no proxecto europeo Sísifo, no que 195 rapaces se formaron e en gran parte acadaron a súa inserción no mercado laboral. Para o deseño dos cursos formativos deste ano 2001 tivéronse en conta os intereses formativos manifestados polas persoas usuarias do Servicio de Orientación Laboral do Concello e as necesidades detectadas no mercado de traballo.

A formación ocupacional con este tipo de actuacións realízase nun ámbito productivo real, que é a empresa, onde o alumnado pode observar e desempeñar as actividades e funcións propias dos distintos postos de traballo, coñece-las relacións laborais e a organizacións dos procesos productivos.