Escoitar

O Concello de Vigo instalará e reporá xogos infantís en 15 parques da cidade

mércores, 4 abr 2001
A Concellería de Montes, Parques e Xardíns instalará 11 xogos completos en distintos lugares da cidade e dotará parcialmente catro parques infantís máis. A escolla dos lugares realizouse co obxectivo de agrupar os xogos e situalos en espacios que non supoñan risco para os rapaces usuarios, logrando diversificar as alternativas, segundo sinalou o concelleiro Henrique Vieitez.

Priorizouse a substitución de instalacións existentes, en vez de realizar novas construccións, fundamentalmente naqueles lugares onde hai unha grande concentración de persoas, sobre outras de menor intensidade.

En total, instalaranse 20 randeeiras, 40 espirais metálicos para brincadeiras, 11 xogos múltiples e 250 metros cadrados de chan de protección para colocar na estación de Renfe. Todas estas instalacións cumpren as normativas autonómica e europea nesta materia.

Os xogos múltiples colocaranse na Praza da Miñoca, na asociación de veciños Val do Fragoso, nas alamedas de Candeán, Bembrive e de Salgueira, Riouxa, Maestro Montes, fronte ó instituto de Jenaro de la Fuente, Bouza 2 e noutros dous lugares de Coia, pendentes de decidir.

Dotarase parcialmente o parque de Valadares-Igrexa, onde se colocarán espirais metálicos para bricadeiras: a alameda de Comesaña, San Roque e San Xoán Poulo onde, por falta de espacio, só se porán espirais metálicos e randeeiras.

A partida destinada a estas instalacións é de 25 millóns de pesetas, e representa o 34,4% do capítulo de investimentos da Concellería de Montes, Parques e Xardíns, que se reforzarán con outros 25 millóns para o ano 2001.

A Concellería traballa tamén con outras administracións e iniciativas privadas para concluír esta primeira fase de reposición de parques e poder axilizar os prazos marcados.