Escoitar

Participación Cidadá consensúa co movemento asociativo as novas bases de subvención

mércores, 4 abr 2001
A concelleira de Participación Cidadá, Mariló Cabaleiro, manterá unha xuntanza con asociacións para analizar o borrador das ”Bases de subvencións para actividades do ano 2001”.

Nos últimos meses realizouse un traballo de mellora e reflexión das ”Bases de subvencións para actividades” e elaborouse un borrador que se pretende dar a coñecer ás entidades que, pola súa representatividade e polo seu grao de coñecemento previo, puidesen achegar algún tipo de suxestión.

As asociacións convocadas son a Federación de Asociacións Veciñais ”Eduardo Chao”, a Agrupación de Centros Deportivos e Culturais de Vigo, a Federación de Peñas Recreativas ”El Olivo”, a Federación de Asociacións de Minusválidos Físicos de Pontevedra, a Federación de Asociacións de Mulleres de Vigo ”As Áncoras”, a Federación Olívica de Nais e Pais de Alumnos ”FONANPAS” e maila Federación de Familiares de Enfermos Psíquicos.

Co fin de promover a democracia participativa, o regulamento de Participación Cidadá do Concello de Vigo recolle, entre os seus principios básicos, ”facilitar e promover a iniciativa e participación dos veciños e entidades cidadás, a título individual e agrupados de xeito formal ou informal, así como fomentar o asociacionismo cidadán”.

Un dos instrumentos para o desenvolvemento da democracia participativa é a concesión de subvencións, anualmente recollidas no orzamento municipal. As bases de subvención do ano 2001 tentan dar un paso máis no camiño percorrido nos últimos anos e pretenden a diversificación no obxecto e nos destinatarios de financiamento, o fomento da anovación nos proxectos presentados e a simplicación formal. O resultado, trala consulta co movemento asociativo, serán unha bases de novo cuño, que manteñan o espírito das anteriores coa incorporación de novidades para responder ás necesidades.