Escoitar

O Concello de Vigo amosa o seu apoio ao equipo do Gestibérica para a teporada 2008-2009

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, o tenente de alcalde, Santi Domínguez, e o concelleiro de Deportes, Xabier Alonso, amosaron este mércores o máximo apoio do Concello de Vigo ao Gestibérica no acto de presentación equipo e corpo técnico para a temporada 2008-2009. Os tres representantes municipais coincidiron en sinalar que o Gestibérica representa a aspiración da cidade de Vigo de ter un equipo de baloncesto masculino na máxima categoría.

mércores, 27 ago 2008
1219843321gestiberica.jpg
"O Gestibérica é na actualidade un proxecto sólido", salientou Abel Caballero, quen quixo recoñecer publicamente o mérito das persoas que decidiron volcarse, hai tres anos, na creación do clube. A dia de hoxe, salientou o alcalde, "trátase dun proxecto enraizado, ben dirixido e ben lanzado". Ademais, na súa intervención salientou así mesmo o apoio que toda a cidade ten cara ao equipo e o desexo de que acaden o maior número de éxitos.

Santi Domínguez, pola súa banda, subliñou a importancia da ilusión para acadar os obxectivos que se plantexa o Gestibérica. Pero ao seu xuízo, a ilusión non só se acada nos resultados na cancha, "senón sobre todo no traballo ben feito e a aposta por ser unha peza fundamental na vertebración do deporte vigués". Dirixíndose á primeira plantilla do equipo, quixo dirixirlle unha mensaxe: "Cando vexades ao público, pensade que é moi importante, pero que o máis importante son os mozos e mozas que tendes detrás, porque vós sodes o espello no que reflectirse".

O concelleiro de Deportes lembrou as verbas que dirixiu ao Gestibérica hai xa un ano con motivo da súa presentación. Nelas lles dicía que apostar por permanecer na Leb de Bronce tendo a posibilidade de mercar unha praza na Leb de prata era unha "boa decisión", como xa demostrou o paso do tempo. "Hoxe estamos na Leb de prata por méritos propios, deportivos", salientou, ao tempo que destacou que o reto é o Leb de ouro.

Juan Manuel Viéitez, presidente do clube, destacou que o Gestibérica é un "proxecto de futuro", no que se ten "tentado aprender dende todos os puntos de vista". Salientou ademais a aposta do Concello de Vigo para que a cidade tivera un equipo de baloncesto "de referenza" e lembrou aos xogadores, tanto aos recén chegados como aos que xa integraban a plantilla na temporada pasada, que cando defendan a camiseta do equipo teñen que pensar que "están defendendo a toda unha cidade volcada no deporte".

Neste sentido, tanto os representantes da directiva como do corpo técnico e do equipo destacaron a importancia de apostar polo deporte, "que é apostar polo prestixio e pola calidade, segundo Vicente Rodríguez, así como a relevancia de contar coa afección que en cada partido enche o pavillón das Travesas. Ademais de presentar aos xogadores da plantilla para a temporada que xa comeza, o acto tamén serviu para presentar o novo equipamento para vindeira temporada, que pertence á última gama de Trezze. Entre as novidades figura o cambio para o equipamento suplente que cambia o verde pistacho polo branco, para adoptar as cores da cidade e a inclusión de todos os concellos da provincia de Pontevedra na serigrafía da camiseta.
Descargar todas as imaxes