Escoitar

O apoio do Concello permite que o Torneo Cidade de Vigo de fútbol sala, este sábado, teña entrada gratuíta

Este sábado 30 de agosto o pavillón central das Travesas será escenario da primeira edición do Torneo Cidade de Vigo de fútbol sala, organizado polo Coruxo F.C. A partir das cinco da tarde e durante unhas cinco horas, o fútbol sala copará a cancha con partidos que van dende categorías de base masculinas e femininas ao encontro estelar da xornada, o que medirá ao Coruxo co Amanhã da Criança, da Segunda División portuguesa (equivalente á categoría de Prata en España). A xornada será de portas abertas grazas ao patrocinio de Tenencia de Alcaldía e a Concellería de Deportes.

mércores, 27 ago 2008
1219841609futbolsala.jpg
"Estamos a pór os alicerces para un proxecto consolidado. Tivemos no pasado malas experiencias que naceron sen facer as cousas ben pero o Coruxo é unha entidade seria que sabe traballar e que tamén o fai coa base", asegurou o concelleiro de Deportes, Xabier Alonso, en rolda de prensa. O edil nacionalista tamén recoñeceu que espera "consolidar no futuro o evento" e valorou un deporte con "enorme cantidade de practicantes na cidade", como lembrou enumerando Vigo en Xogo e as competicións federadas e doutras ligas existentes.

Pola súa banda, Pachi Comesaña, vicepresidente deportivo do Coruxo, garantiu que co rival luso "imos ver un bo espectáculo de fútbol sala". O club intentou inicialmente contactar co Azkar Lugo e o Autos Lobelle, pero as súas axendas xa estaban cubertas. O conxunto de Maia, adestrado por Vítor Magalhães, realizou seis fichaxes e preséntase tamén con cadetes (quintos do país a tempada pasada) e xuvenís. O Coruxo xogará a Liga 08/09 na Primeira Nacional A.

A intención do Coruxo é traer para o próximo verán un rival de División de Honra para que se mida "ao primeiro equipo de Vigo no fútbol sala", e crear unha fase previa en varias categorías para enriquecer a calidade do torneo.


O programa de encontros para o sábado é o seguinte: IES Coruxo-Salesianos (17.00, infantís). Coruxo-Amanhã da Criança (18.00, cadetes). Coruxo-Amanhã da Criança (19.00, xuvenís). Coruxo-El Olivo (20.00, cadete feminino). Coruxo-Amanhã da Criança (21.00, senior).
Descargar todas as imaxes