Escoitar

As entradas para ARE-MORE xa están á venda

venres, 5 out 2001
imx639.jpg
Ante a próxima estrea da segunda edición do Festival de Música de Vigo ARE-MORE, o vindeiro luns día 8 de outubro poranse xa á venda as entradas para os 12 concertos de pago que se celebrarán no “Cine Fraga.Caixa Galicia”.


O prezo xeral das entradas é 1.000 pesetas e o reducido – para menores de 25 e maiores de 65 anos- 700 pesetas. A venda anticipada das entradas ofrecerase na “Central de Espectáculos” na rúa Velázquez Moreno nº 36 (Tfno. 986 43 54 10) de luns a venres en horario de mañá e tarde (de 9:30 a 13:30 h e de 16:30 a 20:00 h) e os sábados só pola mañá (de 9:30 a 13:30 h). As entradas sobrantes, se fora o caso, venderanse no depacho de billetes do “Cine Fraga. Caixa Galicia” o mesmo día de cada concerto a partir das 17:00 h.

Dos 24 concertos do Festival só 12 son con entrada, a outra metade son de acceso gratuíto con invitación, que se poderá recoller na Central de Espectáculos cunha antelación de 7 días naturais respecto á data de cada un dos concertos.

O programa xeral completo do Festival de Música de Vigo ARE-MORE xa se pode consultar na páxina web do Concello de Vigo ou en www.vigo.org/are-more

A información sobre o Festival na páxina web irase completando pouco a pouco coas biografías dos artistas e o programa musical de cada concerto.

A Concellería de Cultura tamén ten programados coa Orquesta Clásica de Vigo 4 concertos de “formación de públicos” para introducir no mundo da música clásica a públicos de tódalas idades.

Artistas da talla da alemana Ute Lemper, que inaugurará o Festival o 20 de outubro, ou das sopranos españolas Ángeles Blancas, María Bayo e Isabel Rey, ou incluso da estrela internacional Mirella Freni pasarán por Are-More, que se celebrará entre os meses de outubro e decembro. Así como a ópera “L’Orfeo” de Claudio Monteverdi dirixida por Gabriel Garrido ou “o Mesías” de Haendel dirixido por Paul Dombrecht.

O Festival de Música de Vigo ARE-MORE organizado pola Concellería de Cultura do Concello de Vigo, e coa dirección artística de Roberto Relova, conta co patrocinio xeral da Fundación Caixa Galicia e a Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo da Xunta de Galicia e co patrocinio particular de PSA Peugeot Citroën, Consorcio da Zona Franca de Vigo, Agua de Mondariz e El Corte Inglés.
Descargar todas as imaxes