Escoitar

O programa Ciberlingua pretende a difusión do espacio galego en internet

xoves, 4 out 2001
imx632.jpg
Presentación
Ciberlingua é un programa innovador de dinamización lingüística no ámbito socioeducativo baseado no coñecemento e difusión do emprego de internet e dos recursos que ofrece en galego. ”Este programa pretende popularizar o uso das tecnoloxías da comunicación en galego nas comunidades educativas de cinco cidades”, explicou a concelleira de Normalización lingüística, Carmen Martínez Corbalán.

O pasado 26 de setembro, coincidindo coa celebración do Día Europeo das Linguas, os alcaldes de Vigo, Santiago de Compostela, Pontevedra, Lugo e Ferrol, asinaron xunto aos representantes da Confederación Intersindical Galega do Ensino, a Asociación Socio-Pedagóxica Galega e o Instituto para o desenvolvemento do software en galego Galego 21, o convenio de colaboración para realizar o programa Ciberlingua.

A concelleira de Educación, Ana Gandón, criticou a falta de esforzo da Xunta de Galicia en promover e normalizar o uso da lingua galega na rede e destacou o feito de que esta iniciativa tivese que partir da unión de entidades municipais para cubrir o baleiro existente neste espacio comunicativo.


¿En que consiste Ciberlingua?

-Obradoiros destinados ao profesorado, a pais e nais.
-Sesións guiadas destinadas ao alumnado de primeiro e segundo ciclo de ESO.
-A publicación dun manual.
-Unha guía de recursos.
-Un paquete de programas e aplicacións en galego.

As actividades desenvolveranse en centros de ensino e tamén nos cibers, espacios habituais de acceso á rede por parte da mocidade, de xeito que se estableza unha comunicación entre o medio escolar e o ámbito social. O obxectivo final deste proxecto é contribuír desde a comunidade escolar á creación dun espacio galego e en galego na rede.

Actuacións do programa en Vigo

Obradoiros ”Ciberlingua”

Destinados ao profesorado e a pais e nais. Impartiranse un total de 5 obradoiros dende novembro ata xaneiro.
Son sesións prácticas con utilización directa de ferramentas informáticas, acceso á rede, visita aos sitios web de interese e tratamentos de contidos didácticos.
Estes contidos van dende nocións básicas sobre internet e as súas posibilidades, ao manexo de recursos básicos (navegadores, traductores, buscadores...) pasando polo coñecemento das ferramentas existentes en galego, dos sitios web de interese, sen esquecernos da súa aplicación no ensino. Levarase a cabo no IES Manuel Antonio.

Sesións ”Ciberlingua”

Destinadas ao alumnado de primeiro e segundo ciclo da ESO. Serán un total de 10 sesións e impartiranse en cibers de Vigo. Son sesións con monitores especializados, nelas achegaráselle ao alumnado participante o manexo de ferramentas en galego (navegadores, buscadores, traductores...) Ofreceranse visitas temáticas guiadas, charlas, xogos cooperativos, construcción de novos espacios de intercambio, participación en iniciativas en prol da lingua...

Guía de navegación

Editaranse 250 guías destinadas ao profesorado que participe nos obradoiros. Nelas ofrécese información útil sobre as ferramentas de navegación, buscas...

Guía de recursos

Un total de 1.000 guías coa relación ordenada dos sitios de interese, que serán distribuídas entre os xoves participantes das sesións e mozos que se acheguen aos cibers participantes do programa.

Paquetes de programas

Para o alumnado e profesorado participante edítanse 500 copias do paquete de programas, unha edición en CD na que se ofrece unha selección dos programas e aplicacións en galego elaborados por Galego 21: navegador, IRC/charla, reproductor de música, aplicación para galeguizar os menús do Worde, cliente de FTP, programa para xestionar descargas...
Descargar todas as imaxes