Escoitar

A tarxeta verde do transporte substitúe o bonobús e conta con máis de 32.000 usuarios cada día

mércores, 3 out 2001
imx628.jpg
Tarxeta verde
Case 40.000 usuarios expediron a tarxeta verde de transporte público urbano desde a súa entrada en funcionamento. Vigo é unha das primeiras cidades en aproveitar as novas tecnoloxías para aplicar este sistema de pago que vai permitir simplificar os cambios coa implantación da moeda única europea.

Neste momento, hai 39.926 tarxetas activas utilizadas diariamente por unha media de 32.100 usuarios. Tarxetas universitarias (9.557), de estudiantes (3.116), pensionistas (684 e 2.472) e normais (24.097) son as modalidades que ofrecen Vitrasa e Caixanova para que os usuarios do autobús urbano poidan beneficiarse da reducción do prezo do billete. Nos primeiros meses de implantación combinouse a utilización do bonobús coa tarxeta verde, pero a substitución definitiva realizouse esta semana.

O Goberno municipal fai unha aposta estratéxica polo transporte público urbano na convicción de que é o eixo fundamental para asegurar a mobilidade e de que contribuirá a evitar problemas ambientais derivados do tráfico.

Vitrasa dispón dunha flota de 116 autobuses informatizados que cobren 43 liñas. No ano 1999 instalouse o sistema de axuda á explotación (SAE) e no 2000 puxéronse en marcha as lanzadeiras ó Cuvi cun billete de transferencia e coa emisión da tarxeta Euro 6000 para universitarios. Empezou a funcionar o bus turístico e instaláronse 15 paneis informativos en paradas con indicación das liñas e do tempo de paso. Este ano incorporáronse 16 novos autobuses á flota e aplicouse, de forma definitiva, a implantación das tarxetas de transporte Euro 6000 para os distintos colectivos.



MÁIS INFORMACIÓN

Descargar todas as imaxes