Escoitar

Unha exposición temática dará a coñecer a cultura das abellas a vindeira semana

mércores, 3 out 2001
imx625.jpg
A cultura das abellas
A exposición enmarcada no evento ”A Cultura das Abellas”, que se desenvolve na praza da Princesa, abrirá ó público o vindeiro luns 8 de outubro no local da Federación ”Eduardo Chao”. Nesta mostra organizada pola Asociación Galega de Apicultura, en colaboración co Concello de Vigo, os visitantes poderán facer un percorrido polo mundo das abellas e a evolución do oficio de apicultor.

Os contidos da exposición serán variados e divulgativos. O percorrido dá comezo coas abellas como insectos sociais, coas flores que máis lles gustan ás nosas abellas e, de seguido, cos meles que saen desa flora e con outros productos como o pole, os propóleos ou a cera. Exhibiranse tamén os trebellos que desde sempre se viñeron usando para a extracción do mel.

O tempo deixou a súa pegada nos tipos de colmeas que usaron os abelleiros no seu cultivo, pasando desde as máis antigas ou colmeas fixistas ata as colmeas modernas ou mobilistas.

Unha colmea de observación, con abellas en
vivo, amosará a misteriosa vida no interior dunha colmea. Unha colección de libros antigos, con exemplares excepcionais, servirá de repaso á bibliografía apícola editada en diversos países do mundo. Exhibirase tamén o traballo dos cereiros e a fabricación artesanal de velas, un oficio tradicional esquecido, pero moi vinculado ás abellas e á sociedade galega.

O horario da exposición será de 9:30 a 13:00 e de 17:00 a 21:00 horas, e permanecerá aberta ata o domingo 14 de outubro.
Descargar todas as imaxes