Escoitar

O alcalde ofrecerá terreos municipais para que non se edifique na Bouza

xoves, 4 out 2001
O Consello da Xerencia de Urbanismo aceptou a proposta do alcalde, Lois Castrillo de permutar as parcelas que posúe a entidade “Miraflores de Vigo S.A.” na zona da Bouza por outras de propiedade municipal. Con esta operación evitaríase a construcción de cinco bloques de vivendas (tres de 14 alturas e dous de 5) a carón do parque da Bouza.

O Concello asinará un precontrato co propietario dos terreos que establece o compromiso deste de non realizar ningunha obra nas parcelas da Bouza nun prazo de 6 meses, tempo no que deberá concretarse a permuta proxectada. A Xerencia de Urbanismo procederá a realizar agora unha taxación de parcelas municipais para establecer o seu valor económico e poder avanzar na negociación da permuta de terreos.

As parcelas que o Concello desexa recuperar teñen unha edificabilidade total de 31.786 m2. Foran cedidas en propiedade a Miraflores de Vigo S.A. en 1998 por acordo plenario en compensación por uns terreos afectados pola construcción do 1º cinto de circunvalación.


Aprobado o Peri do Rocío

O Consello da Xerencia aprobou o Peri II-05 Rocío, que ordena unha zona de 24.749 m2 dividida pola rúa Tomás Paredes, en Bouzas. Actualmente esa área está infrautilizada e cuberta de vexetación.

O Peri prevé a creación de máis de 8.000 metros cadrados de zonas verdes. Tamén se recolle unha superficie de 1.650 m2 destinada a equipamentos, que podería servir para ampliar o colexio público Virxe do Rocío. A tipoloxía edificatoria será diferente nunha beira e outra da rúa Tomás Paredes. No leste (Rocío) serán bloques en altura, mentres que no oeste (Pardaíña) manteranse as edificacións unifamiliares.


Outros acordos da Xerencia

A Concellería de Urbanismo negociou coa empresa Matrigalsa a cesión de 209 m2 para ensanchar o camiño da Gandariña, situado nunha zona industrial da parroquia de Lavadores. Esta cesión vai permitir a ampliación do vial a 10 metros de ancho. A Concellería de Urbanismo conseguiu tamén unha cesión de 17 m2 dun particular que facilitará o ensanche do entronque entre a rúa Cantabria e a Avenida do Aeroporto.