Escoitar

Noites Vivas entra na rede

xoves, 4 out 2001
imx630.jpg
O concelleiro de Xuventude, Santiago Domínguez, presentou a edición dixital de Noites Vivas que se iniciará o venres 5 de outubro a partir das 20:00 horas. ”Trátase dunha iniciativa pioneira no Estado español, xa que é a primeira vez que se pon a disposición da mocidade un acceso a xogos en rede gratuíto partindo dun programa de ocio”, explicou o concelleiro.

A iniciativa conta co apoio de empresas de ocio virtual como Hastajuego.com, distribuidora de xogos en rede de Microsoft que dispón de máis de 450.000 usuarios inscritos, e de chat como IRC-Hispano, segundo explicou o coordenador Xosé Antón Fernández.

Noites Vivas na rede estará en funcionamento tódalas noites ata o 24 de novembro proporcionando acceso a xogos en rede gratuítos (Age of Empires II, Xadrez e Damas), chat e foro. A vía de acceso será a través de www.cibercastro.org, a web adscrita ó ciber público do Parque do Castro.

Agárdase que cada fin de semana máis de 500 mozos e mozas participen na edición dixital de Noites Vivas, potenciando así un xeito alternativo de encontro xuvenil e de entretemento en clave positiva.

Unha novidade destacable é que tódolos cibers da cidade que o desexen poden converterse en colaboradores de Noites Vivas. De xeito gratuíto porán a disposición ordenadores para navegar os venres e sábados en horario de 21:00 a 24:00 horas. Máis de 15 cibers manifestaron o seu interese por participar no programa, estando aberta a convocatoria a todos aqueles que o desexen en xuventude@cibercastro.org

”Game_Master”, un dos máis famosos dinamizadores de xogos en rede do Estado español estará presente en diversos cibers colaboradores de Noites Vivas para dar a coñecer algúns do trucos máis usuais dos xogos en rede. A súa presencia na cidade servirá, ademais, para que afeccionados ó xogo en rede poidan facerlle preguntas en directo a un dos seus ídolos virtuais.

Está prevista a presencia de ”Game_Master” nos seguintes cibers:

Cibercastro (Parque do Castro)...xoves e venres, de 18:00 a 20:00 horas

Cybernet (Travesía de Vigo, 7)... venres e sábado, de 21:00 a 22:00 horas

Cibermani@ (Barcelona, 39)... venres e sábado, de 22:00 a 23:00 horas

Planet Play (Illas Canarias, 3)... venres e sábado, de 23:00 a 24:00 horas

Cibercrom (Fragoso, 56)... venres e sábado, de 24:00 a 01:00 horas
Descargar todas as imaxes