Escoitar

A Concellería de Patrimonio Histórico oferta obradoiros gratuítos de arqueoloxía no Museo de Castrelos<br />

Durante os meses de verán, as persoas afeccionadas á arqueoloxía poderán participar de xeito gratuíto en obradoiros que a Concellería de Patrimonio Histórico desenvolverá no Museo de Castrelos. A concelleira de Patrimonio Histórico, a nacionalista Elena Maure, explica que para participar neles, as persoas interesadas só precisan facer reserva previa no teléfono 986 460 812.<br />

venres, 18 xul 2008
"Dende Patrimonio Histórico queremos achegar a toda a cidadanía as nosas tradicións experimentando incluso algúns dos traballos e tarefas cotiás dos nosos devanceiros", salientou Elena Maure. A edil do BNG sinala que ademais mediante os obradoiros, dirixidos ao público en xeral maior de oito anos, poderase coñocer de primeira man cómo se investiga un depósito e reconstruír o pasado. Así, as persoas participantes convertiranse nun verdadeiro equipo de arqueólogos e arqueólogas que escavarán cientificamente depósitos nos que se atopan réplicas de obxectos reais expostos no museo.

Elena Maure salienta que o obxectivo xeral dos obradoiros é "coñecer o esforzo dos científicos para comprender, o máis verazmente posible, o pasado do ser humano". Cos obxectos atopados poderase revivir, en primeira persoa, algunhas actividades cotiáns das cronoloxías escavadas: cazar con arco ou azagaia; pescar con arpón; acuñar moedas romanas; apostar nunha carreira de cadrigas; fundir metal; ou facer xoias castrexas, cominanado o rigor necesario das investigacións e a diversión.

Os obradoiros desenvolveranse de 11 a 13 horas; os martes e xoves terá lugar o adicado á cultura castrexa e a romanización, mentres que os mércores e venres estarán adicados á prehistoria. Para participar neles, ademais de levar roupa axeitada de traballo, só é preciso facer reserva previa no teléfono 986 460 812, de luns a venres, de 9:00 a 14:00 horas.