xoves, 5 marzo 2015

O Concello promove a decoración de 13 medianeiras da cidade entre o 19 e o 27 de marzo

Trece artistas da cidade comezarán o próximo día 19 de marzo a pintar sobre outros tantos espazos públicos da cidade. Dando inicio así, explicou o rexedor, ao Primeiro programa de tratamento de medianeiras e outros espazos urbanos deteriorados e outras actuacións sobre os espazos públicos. "Vigo, unha cidade de cor", contará con actividades paralelas en centros escolares e na rúa con espectáculos de danza, mapping ou obradoiros para nenos.

Caballero propón unha 'rúa 0' para reforzar as 24 horas solidarias de natación, destinadas a Aldeas Infantiles

xoves, 5 mar 2015

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, a presidenta do Real Club Náutico de Vigo, Viviana García, e a presidenta de Aldeas Infantiles SOS Galicia, Rosa Freire, presentaron este xoves as "24 horas solidarias de natación", unha idea nada para recadar fondos a prol dos nenos e nenas máis necesitados e que se desenvolverá ao longo de todo o 28 de marzo, día da Reconquista.

O goberno de Vigo eloxia a "alta calidade" e o "carácter multidimensional" de ALT.15

xoves, 5 mar 2015

Así o manifestou este xoves o concelleiro de Cultura, Cayetano Rodríguez, durante a presentación da 14ª edición do Festival Alternativo das Artes Escénicas de Vigo, que ten lugar do 9 ao 15 de marzo en distintos puntos da cidade. O Concello é o colaborador principal do ALT, un evento internacional que engade o cine, a danza e a música ás representacións teatrais de compañías nacionais e internacionais.

Exposición fotográfica sobre a muller galega no século XX

xoves, 5 mar 2015

A Casa das Mulleres ( R/Romil 20) amosa unha exposición de fotografía co título "Mulleres Século XX.Luces e Sombras" cedida polo Arquivo Histórico Provincial de Lugo e que se poderá visitar ata o 27 de marzo. A exposición mostra en imaxes as condicións de vida, traballo e participación da muller galega ao longo dos anos 30 e 80 do século XX.