Escoitar

Caballero propón unha 'rúa 0' para reforzar as 24 horas solidarias de natación, destinadas a Aldeas Infantiles

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, a presidenta do Real Club Náutico de Vigo, Viviana García, e a presidenta de Aldeas Infantiles SOS Galicia, Rosa Freire, presentaron este xoves as "24 horas solidarias de natación", unha idea nada para recadar fondos a prol dos nenos e nenas máis necesitados e que se desenvolverá ao longo de todo o 28 de marzo, día da Reconquista.

xoves, 5 mar 2015
1425563840nautico.JPG
O alcalde da cidade, Abel Caballero, que estivo acompañado polo concelleiro de Deportes, Manel Fernández, asegurou sentirse moi satisfeito por "estar entre Náutico e Aldeas Infantiles nesta confluencia solidaria que nos fala de proximidade, a atención e as persoas. Unha vez máis o Náutico protagoniza este tipo de xestos que nos amosan que está sempre pendente da cidade".

Para o rexedor, "Aldeas é un proxecto excepcional e sempre nos terá ao seu lado", polo que lanzou un reto á cidadanía: "Invito a todo Vigo a que veña a nadar o Día da Reconquista ao Náutico; botaremos aos soldados de Napoléon, que non aos franceses, ao mar e rápidamente virémonos á piscina. É unha gran idea e un magnífico proxecto deportivo".

Ademais do seu apoio a esta idea, Caballero pediu á sociedade recreativa "que habilite unha rúa 0, solidaria, para que os que non poidan vir nadar" por falta de tempo "poidan contribuír coa súa achega a esta iniciativa solidaria". Para el, "é un acto estupendo, ten dimensión deportiva e de vida saudable e ao tempo de función solidaria moi importante", rematou.

Pola súa banda, a presidenta do Náutico, Viviana García, explicou ante os Medios de Comunicación que esta iniciativa, xurdida dende as seccións deportivas como un modo de demostrar que o deporte non só é competición senón tamén un motor solidario, "pretende recoñecer os 40 anos de traballo que vén realizando Aldeas Infantiles a prol dos máis cativos".

García incidiu ademais na axuda do rexedor municipal, agradecendo "a presenza e o apoio incondicional de Abel Caballero en todas e cada unha das iniciativas que pon en marcha o Real Club Náutico, nesta ocasión de forma solidaria".

Rosa Freire, presidenta de Aldeas Infantiles SOS Galicia, agradeceu ao Náutico "que se lembrou de nós á hora de organizar este evento deportivo tan especial", e subliñou que "levamos 40 anos traballando para os nenos, xa contamos con catro centros de día e atendemos en internado a máis de 200 nenos". O primeiro deses catro centros foi inaugurado en Vigo en 2008 por Caballero.

O club abriu hoxe mesmo a inscrición para as 24 horas, nas que están implicados todos os nadadores da entidade, e busca ata 300 persoas para cubrir as quendas de nado. O custo da participación, aberta a toda a cidadanía, é dun mínimo de 3 euros, importe que irá a Aldeas Infantiles.
Descargar todas as imaxes