luns, 17 xaneiro 2011

O goberno local concede 15 días aos grupos políticos do Concello para consensuar unha declaración sobre o Área Metropolitana

O Pleno da Corporación deste luns rematou sen un acordo entre os tres grupos políticos, pese a amosarse unánimemente a favor da tramitación dunha lei autonómica de Área Metropolitana de Vigo. Socialistas e nacionalistas, coa oposición do PP, aprobaron que os partidos consensúen un texto nun prazo máximo de 15 días. A concreción do financiamento da nova entidade e a transferencia de competencias -principalmente da Deputación de Pontevedra- foron os principais obstáculos para o acordo.

O alcalde anuncia a contratación do mantemento da sinalización horizontal e vertical por 1,8 millóns

luns, 17 xan 2011

Abel Caballero deu conta da Xunta de Goberno Local celebrada este luns en sesión ordinaria, na que aprobouse a adxudicación do contrato de mantemento da sinalización horizontal e vertical da cidade, por valor de 1,8 millóns de euros. O alcalde explicou que esta decisión "garante que as redes viarias de Vigo estean pintadas na forma que corresponde, con pintura antideslizante" e supón que "Vigo continúa o proceso de humanización e de mantemento das humanizacións".

Abel Caballero saúda que Fomento ratifique a ampliación de Rande e contemple financiala con aportacións estatais

luns, 17 xan 2011

O alcalde amosou este luns a súa "satisfacción" polas declaracións do ministro de Fomento, José Blanco, nas que ratificaba a ampliación da ponte de Rande e abría a porta a financiala con aportacións do Estado, unha vez rematada a obra. "É unha moi boa nova", apuntou o socialista, "porque sinala que a ampliación vaise facer e ningunha discusión sobre o financiamento vai paralizala". Caballero defendeu esta medida para evitar un "colapso económico" na cidade.

A Orquestra Vigo 430 actúa o mércores no Auditorio Municipal cun programa que inclúe obras de Mozart e Schubert

luns, 17 xan 2011

O programa estable de artes escénicas que organiza a Concellería de Cultura no Auditorio Municipal continúa coa actuación que ofrecerá a Orquestra Vigo 430 o vindeiro mércores, 19 de xaneiro ás 20.30 horas. O concerto terá a Alejandro Garrido como director e nesta ocasión contará con Rosa Campos ao clarinete di bassetto. De Wolfgang Amadeus Mozart, o repertorio inclúe a Obertura da Ópera "Bastien und Bastienne" e o concerto para Clarinete e orquestra en La maior, KV 622; ademais, de Franz Schubert, a orquestra interpretará a Sinfonía Nº5 en Si bemol maior, D 485.