martes, 18 xan 2011
O alcalde, Abel Caballero, e os organizadores do evento entrevistáronse este martes para analizar o próximo Congreso Nacional de Toxicoloxía, a celebrar o 26 e 27 de xullo no Centro Cultural Novacaixagalicia. Este acontecemento reunirá en Vigo a uns 150 asistentes e expertos en toxicoloxía forense, medioambiental ou laboral, entre as que se atopa o director do FBI, que abordará cuestións relativas as drogas. Caballero comprometeu a súa participación e o Concello ofrecerá unha recepción aos participantes.
martes, 18 xan 2011
O tenente de alcalde, Santi Domínguez, anunciou hoxe que o vindeiro sábado o Círculo de Bellas Artes de Madrid acollerá a estrea internacional do documental "Novo Vigo Vello: Vida e xente na reconquista do Casco Vello de Vigo", protagonizado por Luis Tosar, e que amosa a transformación que o barrio ten sufrido nos últimos anos grazas ao labor de rehabilitación. O nacionalista presentou tamén a campaña de promoción turística que a Tenencia de Alcaldía e a Concellería de Turismo desenvolverán en FITUR "para posicionar Vigo como referente turístico da fachada atlántica".
martes, 18 xan 2011
O tenente de alcalde e concelleiro de Turismo, Santi Domínguez, anunciou este martes a celebración en Vigo da XVII Reunión Nacional de Patoloxía Mamaria da Asociación Española de Cirurxiáns e a III Reunión de Enfermería en Patoloxía Mamaria, os días 9 e 10 de xuño no Centro Social de Novacaixagalicia. Santi Domínguez destacou que se trata dun dos nove congresos que ata o momento terán lugar este ano en Vigo "grazas ao traballo do Vigo Convention Bureau na tarefa de impulsar a nosa cidade como sede do turismo de congresos e negocios". A celebración deste congreso reunirá en Vigo a máis de 300 profesionais.
martes, 18 xan 2011
A concelleira de Benestar Social, María Méndez, anunciou este martes a inclusión de Coia no programa "Crecendo na diversidade", de prevención de condutas de risco dirixido a nenos e nenas de 6 a 12 anos. A concelleira nacionalista asegurouno na xuntanza que mantivo hoxe cos equipos directivos e de orientación dos centros escolares de Coia, de xeito que esta zona se suma ao centro, Calvario e Teis.
A primatóloga Carmen Vidal é unha veterinaria de prestixio internacional
martes, 18 xan 2011
A conferencia está organizada polo Organismo Autónomo Municipal Parques das Ciencias Vigozoo, que colabora neste proxecto. A veterinaria e directora técnica do Santuario de Primates, Carmen Vidal, impartirá o seu relatorio no Auditorio Municipal do Areal ás 17:00 horas.