mércores, 19 xaneiro 2011

O alcalde subliña que o 40% dos 2,6 millóns da humanización de Tomás Alonso vai dirixido á renovación das redes soterradas

Abel Caballero inaugurou este mércores a segunda fase da humanización da rúa Tomás Alonso, no tramo da Praza da Industria á curva de San Gregorio, cun investimento de 1,2 millóns de euros. A mellora da rúa ata Pi y Margall suma un orzamento total de 2,6 millóns de euros, do que un 40% destínase á renovación das redes de abastecemento, saneamento e augas pluviais, segundo explicou o alcalde. A humanización supuxo emprego para medio centenar de cidadáns.

Caballero sinala que a rebaixa no 70% nas tarifas das terrazas será efectiva desde este mes

mércores, 19 xan 2011

O alcalde de Vigo informou este mércores da aprobación en Xunta de Goberno Local da modificación das tarifas para instalar terrazas na vía pública, que experimentan unha rebaixa do 70%, tal e como anunciara o propio Caballero aos hosteleiros a pasada semana. A decisión de "apoio" ao sector "de cara á crise" pasará polo Pleno da Corporación de xaneiro e será firme en febreiro, aínda que con carácter retroactivo desde este mes, explicou o rexedor.

Caballero recoñece a Fomento os 600 millóns de euros para por "definitivamente en marcha" a autovía a Pontevedra e a ampliación de Rande

mércores, 19 xan 2011

O alcalde amosouse este mércores satisfeito pola aprobación do trazado da nova autovía gratuita que unirá Vigo e Pontevedra, xa en exposición pública, que suporá un investimento de 427 millóns de euros financiados "na súa totalidade desde o ámbito público". Este investimento de Fomento únese á ratificación da ampliación da ponte de Rande, previsto o seu inicio para abril, co que o Ministerio que dirixe José Blanco inviste sobre 600 millóns de euros nestas dúas infraestruturas, o que "é de xustiza recoñecer", apuntou o alcalde.

O festival Sinsal 2011 inaugúrase o vindeiro sábado coa presentación do último disco da arpista Johanna Newson

mércores, 19 xan 2011

A nova edición do festival Sinsal comezará o vindeiro sábado 22 de xaneiro co concerto que ofrecerá a arpista e pianista Johanna Newson no teatro do Centro Cultural de Novacaixagalicia ás 21 horas. Segundo informa a Concellería de Cultura e Animación Sociocultural, as entradas oscilan entre os 18 e os 28 euros e pódense mercar a través da web www.servinova.com