Escoitar

A Xunta da a súa aprobación definitiva ao Plan Xeral de Vigo

Despois de oito anos de tramitación e quince desde a aprobación do último, Vigo xa conta cun novo Plan Xeral de Ordenación Municipal. A Consellería de Política Territorial da Xunta de Galicia resolveu este venres aprobar "masivamente" o documento, que recibe o visto bo ao 99% da superficie nunha aprobación "sen precedentes" nas grandes cidades galegas. O alcalde, Abel Caballero, avanzou que "acaba de empezar unha nova época na cidade"<br />

venres, 16 mai 2008
1210943851plan21.JPG
A Consellería de Política Territorial da Xunta de Galicia aprobou definitivamente o novo Plan Xeral de Vigo. O alcalde, Abel Caballero, acompañado na rolda de prensa pola anterior concelleira de Urbanismo, Carmela Silva, o actual concelleiro, José Mariño, e a Xerente, Julia Chamosa, mostrou "unha gran satisfacción" por un documento "masivamente aprobado".

O rexedor salientou que o novo PXOM, que entrará en vigor unha vez sexa publicado, recibiu "unha aprobación do 99%", que en termos políticos significa "unha aprobación total", nunha resolución "sen precedentes" nas grandes cidades galegas.

Este documento representa "unha nova dimensión de futuro na cidade", contempla unha "estratexia de crecemento sostible", e con "garantías medioambientais, seguridade xurídica e vivenda protexida", subliñou o alcalde.

Abel Caballero recoñeceu o "magnífico traballo" da Consellería de Política Territorial e da súa titular, María José Caride, e agradeceu aos responsables municipais de Urbanismo un esforzo que, afirmou o rexedor, "pagou a pena", xa que "Vigo ten hoxe un Plan Xeral de Ordenación Municipal con seguridade xurídica e garantía de calidade de vida para os cidadáns".

Os "elementos centrais" da planificación urbanística municipal están aprobados, segundo informou o alcalde, quedando fóra 12 núcleos rurais e modificacións cualificadas de "mínimas e irrelevantes" propostas pola Xunta de Galicia. Abel Caballero adiantou que se aceptarán as alegacións do organismo autonómico no que constituirá "rutina administrativa" para o Concello.

A Xunta estableceu asemade algúns cambios de cualificacións de solo consolidado a non consolidado, o que significa para o alcalde que Política Territorial opta pola posibilidade "máis garantista", catalogación "que se acepta absolutamente", e pola que o Concello de Vigo recibirá o 10% das AOP.

Neste mesmo senso será preciso modificar a cualificación do solo na entrada da autovía Vigo-O Porriño, unha decisión que coa que o goberno municipal xa contaba, pois o Ministerio de Fomento rexeitou unha alegación local para que a entrada tivera "o mínimo custo posible". Ao ter carácter de lei as decisións de Fomento, a incorporación desta modificación xa era coñecida pola goberno vigués.

Alcalde e responsables municipais de Urbanismo mostráronse "entusiasmados" tras a resolución, e celebraron a noticia brindando cos periodistas. Abel Caballero avanzou asemade que xa convocou ao Partido Popular e ao Bloque Nacionalista Galego para facerlles entrega do documento de Política Territorial. Ademais, o alcalde convocou para a tarde do venres ao Consello Sectorial de Urbanismo coa mesma finalidade.
Descargar todas as imaxes