Escoitar

Exposición "Xosé María Álvarez Blázquez, arqueólogo de Vigo" no museo de Castrelos

A concelleira de Patrimonio Histórico, Elena Maure, reivindicou este venres a importancia da figura de Xosé María Álvarez Blázquez para Vigo no acto de inauguración da exposición "Álvarez Blázquez. Arqueólogo de Vigo" no museo de Castrelos. A mostra, que pode visitarse dende hoxe e ata o 20 de xullo, reflicte a traxectoria de quen foi o primeiro comisario local das excavacións arqueolóxicas da cidade dende 1949 e impulsor da creación da sección de arqueoloxía do museo, da hemeroteca municipal e da conservación dos restos arqueolóxicos do municipio, e a quen este ano se lle adica o Día das Letras Galegas. <br />

venres, 16 mai 2008
1210930295blazquez2.jpg
O Museo recupera así a figura deste destacado arqueólogo e prehistoriador, impulsor da creación da sección de arqueoloxía do mesmo, da hemeroteca municipal e da conservación dos restos arqueolóxicos do municipio aspectos que foron ata agora os menos coñecidos da súa actividade.

Pilar Barciela Garrido, museóloga e arqueóloga, é a comisaria desta mostra que reúne máis de 200 pezas arqueolóxicas, –unha reducida cantidade dos materiais que Xosé María Álvarez Blázquez depositou e posteriormente doou ao museo vigués–; xunto con material documental e gráfico procedente na súa meirande parte do propio arquivo de Xosé María Álvarez Blázquez, do arquivo do Concello e do Museo.

A mostra organízase en dous bloques principais: o nomeamento e exercicio do cargo de "Comisario Local de Excavaciones Arqueógicas" na cidade e as contribucións que realizou ao museo de Castrelos. Ademais, a exposición reúne máis de 200 pezas arqueolóxicas –unha reducida cantidade dos materiais que Xosé María Álvarez Blázquez depositou e posteriormente doou ao museo vigués–; xunto con material documental e gráfico procedente na súa meirande parte do propio arquivo de Álvarez Blázquez, do arquivo do Concello e do Museo. Esta mostra temporal compleméntase cos fondos que se mostran na sala de exposición permanente de arqueoloxía do museo.

Na primeira sala explícase en que consistía a "Comisaría General de Excavaciones Arqueológicas", que centralizou a actividade arqueolóxica dos primeiros anos do franquismo, así como o nomeamento de Álvarez Blázquez como "Comisario Local de Excavaciones", e os xacementos ubicados en territorio municipal nos que interviu dende o seu cargo, como o castro de Vigo, a illa de Toralla, dos que se amosa unha pequena parte dos materiais recuperados neses xacementos, e a cista do cemiterio de Picacho.

A segunda sala está adicada ao descubrimento das estelas romanas, do que se achegan materiais documentais dos estudos realizados por Xosé María; ao Congreso Nacional de Arqueoloxía, acontecemento científico que se celebrou en Galicia no mesmo ano da descuberta das estelas; e a creación da sección de arqueoloxía do Museo.

Na terceira sala explícase a recuperación da cista de Atios, un enterramento da primeira Idade do Bronce recuperado en 1967 e que constituíu outro importante acontecemento arqueolóxico no momento; o descubrimento das aras de Donón, descubertas por Enrique Massó e trasladadas ao museo en 1963; e as aportacións ao museo dende o seu posto de Xefe do Departamento de Historia de Vigo e a súa comarca.


A cuarta sala recolle a actividade anterior de Xosé María Álvarez Blázquez, quen entrou de moi novo na actividade arqueolóxica, e nos anos trinta xa participara nas escavacións do castro de Cabeza de Francos en Tui e do castro de Baión en Vilagarcía de Arousa. Ademais, froito da súa relación cos tranviarios de Vigo, conseguíu, nos anos 40, unha boa colección de moedas de época romana e ibérica que foron adquiridas polo concello, e a elas súmanse outras que foron depositadas no museo. Neste
apartado exhíbese unha pequena mostra acompañada das fichas que realizou para a súa clasificación.

Na quinta sala amósase a recollida de útiles paleolíticos comezada nos seus anos de mocidade e continuada ao seu regreso a Galiza, en 1944, xa que constituíu unha das achegas máis importantes ao estudo do Paleolítico en Galicia. Amósase nesta sección unha pequena mostra dos útiles líticos recuperados, xunto cos estudos e debuxos realizados para a súa publicación. Así, poden verse obxectos das Gándaras de Budiño, o xacemento paleolítico máis importante de Galiza, e das prospeccións realizadas no poboado castrexo das illas Cíes, que deron como resultado a recollida de numerosos fragmentos de cerámica que foron depositados no Museo. Pero ao labor arqueolóxico de Xosé María Álvarez Blázquez, sempre orientado ao salvamento e recuperación dos restos para o seu depósito no museo, sumouse tamén un importante labor de divulgación nos medios de comunicación, en conferencias e en estudos divulgativos, dos que unha pequena mostra destes traballos pódese apreciar nesta sección.
1210930295blazquez2.jpg
1210944789inauguracinblazquezmuseo004.jpg
Descargar todas as imaxes