Escoitar

"Tardes e Noites Vivas" presenta a súa oferta para abril e maio

"Tardes e Noites Vivas" reforzará nos meses de abril e maio as actividades que veñen tendo máis éxito entre os mozos e mozas dentro deste programa de ocio xuvenil, como son as relacionadas coas novas tecnoloxías e a música, as clases de baile e o baloncesto. Ademais, "Tardes e Noites Vivas" estará presente nun espazo de encontro habitual da xuventude, a praza da Estrela, con animación na rúa e artes plásticas como novas propostas.

mércores, 2 abr 2008
1207138629noitesvivasabrilmaio020408.jpg
A partir do vindeiro 4 de abril e ata o 31 de maio terá lugar, nas fins de semana, o programa de primavera de ocio alternativo xuvenil do Concello de Vigo "Tardes e Noites Vivas", presentado este mércores pola concelleira de Xuventude, Iolanda Veloso.

"Tardes e Noites Vivas" é un programa que oferta un grande abano de posibilidades para que os/as mozos/as de Vigo poidan investir o seu tempo de ocio de xeito alternativo e divertíndose con actividades de calidade. Este programa trata de implicar a xuventude, para que contribúan a definir e desenvolver as actividades e participen nelas. Esta implicación pode ser a nivel individual ou a través de agrupacións e/ou asociacións xuvenís da cidade.

Nesta ocasión, ademais de contar coa colaboración de varias entidades xuvenís e con diversos espazos municipais para o desenvolvemento do programa, a Concellaría de Xuventude pretende ir aos espazos onde se reúnen os mozos e mozas, co obxecto de facerlles chegar unha alternativa de ocio.

Así, nesta edición de primavera realizaranse actividades nun espazo ocupado polos mozos e mozas durante as fins de semana. Trátase da praza da Estrela, onde se farán demostracións e obradoiros de malabares, así como unha actividade relacionada coa arte, a música e a reciclaxe.

Espazos e horarios

ESPAZO XOVE DO CASTRO (no Monte do Castro, ao carón da pista de bicicletas): venres e sábados de 17.00 a 23.00 horas no mes de abril. A partir do mes de maio incluiranse os Castroconcertos, co que o horario se ampliará ata as 01.00 horas.

PAVILLÓN MUNICIPAL DE DEPORTES DO BERBÉS (r/ Jacinto Benavente,1): venres e sábados de 23.00 a 01.30 horas.

PUNTO XOVE (r/ López de Neira, 27): os venres e sábados do mes de maio, en horario de 21.00 a 02.00 horas.

ASOCIACIÓN XUVENIL CANCERBERO (r/ Heraclio Botana, 6 - baixo esquerda): os venres de 22.00 a 02.00 horas.

ASOCIACIÓN XUVENIL ABERTAL (r/ Venezuela, 3 - baixo): os venres de 18.00 a 22.00 horas e os sábados ata as 23.00.

SalaA! (avda. Beiramar, 113): os sábados de 17.00 a 21.00 horas.

Actividades

As actividades van adaptándose progresivamente á demanda e interese dos mozos e mozas. Así pois, está previsto que nesta edición se leven a cabo as seguintes:

ACTIVIDADES LÚDICAS: Actividades amenas e divertidas, con atractivo para a noite e que mobilizan a un número importante dos/das asistentes: xogos de rol, bailes (de salón, moderno, latinos, orientais, reggaeton, capoeira, stepmanía...), malabares, karaoke, teatro, concertos, conversas en diferentes idiomas, etc.

ACTIVIDADES DEPORTIVAS E XOGOS: baloncesto, tenis de mesa, musculación, squash, etc.

OBRADOIROS: Preténdese que cada día haxa unha variedade, de xeito que poidan interesar a diferentes perfís de mozos e mozas (cociña, perfumes e sales de baño, cerámica, coiro, masaxes, abalorios, cócteles sen alcohol, iniciación ao teatro, etc.).

ACCESO ÁS NOVAS TECNOLOXÍAS: acceso a internet, liga de xogos en rede, chat, messenger, deseño de blogs e fotoblogs, deseño de web, conexión wifi, conexión bluetooth, play station, etc.).

ACTIVIDADES CULTURAIS: un abano de actividades alternativas de carácter cultural (teatro, protocolo, conversas en diversos idiomas, actuacións, concertos, etc).

ESPAZOS PARA QUEDAR: preténdese poñer a disposición dos mozos e mozas algúns espazos que poidan ser punto de encontro e reunión. As actividades que se desenvolverán neste espazo serán libres (xogos de mesa, xadrez, xogos de enxeño, futbolín, ping-pong, etc.).

ANIMACIÓN DE RÚA: na praza da Estrela, con malabares e actividades de performance, artes plásticas realizadas con materiais procedentes do lixo e música. Os sábados, a partir das 23.30 horas.

DISCO LIGHT: unha sala de ocio alternativo para mozos e mozas, con programación de festas temáticas. Os sábados na Sala A! (avda. Beiramar, 113), a partir das 17.00 horas. Este sábado terá lugar unha festa brasileira que contará coa presenza do campión mundial de capoeira. A sala estará decorada para a ocasión e haberá cócteles sen alcohol para os asistentes.

BALONCESTO "VIGO EN XOGO": no Pavillón Municipal de Deportes do Berbés celebraranse cada fin de semana encontros de baloncesto. Serán os venres de 23.00 a 01.30 horas e os sábados de 22.15 a 00.45.

CASTROCONCERTOS: co obxecto de apoiar e dar a coñecer os distintos grupos de música da nosa cidade. Os venres e sábados do mes de maio, de 22.30 a 01.00 horas, no Espazo Mozo do Castro.

SALA DE ESTUDO: Durante o mes de maio, no Punto Xove (López de Neira, 27) haberá unha sala dispoñible para poder estudar e preparar os exames. Será os venres e sábados de 21.00 a 02.00 horas. Tamén contará coa posibilidade de acceso a Internet e conexión Wifi.
1207138629noitesvivasabrilmaio020408.jpg
1207141888noitesvivas020408.jpg
Descargar todas as imaxes