Escoitar

Juha Kankkunen será o piloto invitado este ano no motorshow do Salón do Automóbil de Vigo <br />

O piloto finlandés, Juha Kankkunen, participará este ano como piloto invitado no Racingshow Caixanova, evento lúdico deportivo que se celebrará, no marco do XVII Salón do Automóbil de Vigo, do 1 ao 4 de maio. O tenente de alcalde, Santi Dominguez, presentou hoxe en rolda de prensa o certamen acompañado de José Manuel Fernández Alvariño, presidente da CEP ; José Enrique Elvira, director do Salón; Jorge Santos, director de Publicidade de Caixanova e o piloto Alberto Meira.

mércores, 2 abr 2008
1207132830racing.jpg
O Racingshow Caixanova desenvolverase no pabellón 3 do Instituto Ferial de Vigo, espazo no que se habilitará un circuíto indoor de velocidade sobre o que se disputarán diversas probas e exhibicións deportivas e que garantirán a actividade permanente neste trazado.

A proba estrela será a segunda edición da Carreira de Campións-Trofeo Caixanova que se disputará o sábado 3 de maio e que permitirá ver en acción a pilotos moi destacados do panorama galego e portugués e ao mítico Juha Kankkunen. Esta proba realizarase sobre un circuíto oval en forma de oito que obrigará aos pilotos a demostrar a súa destreza en situacións de máxima emoción. Todos os pilotos participantes, deberán realizar unha rolda clasificatoria e os 25 que obteñan os mellores tempos enfrontaranse na gran final que se celebrará pola tarde e será retransmitida en directo a través da Televisión de Galicia. O equipo de deportes da TVG contará nesta ocasión como comentarista, o copiloto galego dúas veces campión do mundo de rallyes, Luís Moya.

Esta proba deportiva conta con licenza da Real Federación Española de Automovilismo e realizarase baixo a súa normativa e supervisión. A Escudería Rías Baixas asumirá a organización técnica deste trofeo.

Os pilotos que participen na Carreira de Campións acudirán a Vigo cos seus equipos oficiais; a cilindrada e preparación dos vehículos será libre, sendo a única división en base ás seguintes categorías de vehículos:

CLASE 1: Turismos tracción 4x4
CLASE 2: Turismos tracción dianteira
CLASE 3: Turismos tracción traseira
CLASE 4: Clásicos de competición

Entre os pilotos participantes nesta proba de alto nivel destacan, ademais de Kankkunen, os pilotos portugueses Armindo Araujo e Walter Gomes, e o piloto Enrique García Ojeda e os galegos, Sergio Vallejo, Beny Fernández, Diego Cabanela, Javier Arias, Amador Vidal, Luís Vilariño, Alvaro Muñiz e Alberto Meira, vencedor da edición de 2007, entre outros.

Algúns dos pilotos participantes no Trofeo Caixanova participarán o sábado, de 13,30 a 14,00 horas, nunha sesión de autógrafos. Os pilotos reuniranse cos afeccionados en distintos stands de marcas e firmas presentes no Salón do Automóbil. Juha Kankkunen estará no espazo Caixanova.

Aforo limitado

A organización recorda que o aforo do recinto será limitado polo que aconsella aos afeccionados interesados en asistir á Carreira de Campións-Trofeo Caixanova adquiran as súas entradas con certa antelación ante a expectación xerada por esta proba. As entradas en venda anticipada poderán adquirirse a través de portal www.servinova.com ao prezo de 15 euros, e de 20 euros se se adquiren o mesmo día da proba nas taquillas de recinto ferial. Estas tarifas, que son específicas para o 3 de maio, inclúen o acceso ao Salón do Automóbil.

A actividade deportiva do Racingshow Caixanova Salón do Automóbil inclúe tamén a celebración de sesións de co-drive, kartcross e karting. Na xornada festiva do 1 de maio desenvolverase neste espazo deportivo a presentación da proba de rallycross puntuable para o campionato de Europa que organiza o Clube Automovel de Lousada no circuíto desta localidade do norte de Portugal; haberá ademais un desfile de automóbiles deportivos con historia no que poderemos ver pezas como un Ford Escort MKII, un Porsche 911; ou un Mitsubushi Lancer, entre outros.

O domingo 4 de maio o circuíto indoor acollerá a celebración do Trofeo Luso-Galaico no que pilotos actuais e veteranos de ambos lados do río Miño se retarán aos mandos dos peculiares Caterham, automóbiles cunha aparencia moi clásica pero cun corazón tremendamente deportivo. Pilotos galegos como Beny Fernández, Germán Castrillón, Guillermo Barreiras, Iván Ares, ou Víctor Senra poderanse medir a pilotos portugueses da talla de Joao Barbosa, Jose Pedro Fontes, Pedro Leal ou Rufino Fontes, nunha espectacular carreira que se realizará baixo o método de persecución.

Nesta segunda edición do RacingShow a organización contará coa o colaboración do piloto malagueño Carlos Sedano, Campión do Mundo de Legends Cars, que realizará diversas exhibicións sobre o trazado do Racingshow o sábado e o domingo.
1207132830racing.jpg
1207141732racingshow020408.jpg
Descargar todas as imaxes