Escoitar

O ministro de Xustiza asegura que Vigo contará cun Xulgado do Mercantil

O Ministro de Xustiza, Mariano Fernández Bermejo, mantivo este luns no Areal un encontro de traballo co alcalde, Abel Caballero, no que asegurou que Vigo contará cun Xulgado do Mercantil. Bermejo afirmou que unha cidade "enormemente vital e industrial" non pode quedar sen esta dotación. Alcalde e ministro acudiron posteriormente á toma de posesión do fiscal xefe da área de Vigo.

luns, 3 mar 2008
1204555795bermejo030308.jpg
O ministro de Xustiza, Mariano Fernández Bermejo, visitou este luns Vigo e avanzou que a cidade terá Xulgado do Mercantil. O anuncio producíuse tras o encontro de traballo que mantivo co alcalde de Vigo, Abel Caballero, no edificio institucional do Areal. O ministro salientou que unha cidade "enormemente vital e industrial" non pode quedar sen esta dotación.

Bermejo asegurou "non compartir" as razóns técnicas presentadas polo Consello Xeral do Poder Xudicial na súa negativa a dotar a Vigo deste Xulgado, e manifestou que existen "outras vías" para conseguilo dentro do marco legal. O ministro mostrouse "soprendido" por unha decisión que cualificou de "lamentable" e afirmou estar "convencido" de que o próximo Consello apoiará esta iniciativa. Bermejo aseverou que "igual que Vigo ten fiscal xefe de área, terá Xulgado do Mercantil".

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, agradeceu ao Ministro a súa visita "protocolaria, cordial e de traballo", e destacou a política de "cooperación" institucional do Goberno local, tanto coa Xunta de Galicia como co Goberno de España.

Toma de posesión do fiscal xefe

Tras o encontro de traballo, o alcalde e o ministro asistiron á toma de posesión do novo fiscal xefe da área de Vigo, Juan Carlos Horro González.

Horro leva máis dunha década de servizo na Adscripción Permanente da Fiscalía de Vigo, aínda que o Ministerio de Xustiza lle confirmou a praza definitiva no 2001. En xuño de 2004 foi galardoado co premio Lois Peña Novo en recoñecemento ao seu labor como xurista e por incluír o idioma galego na redación dos documentos legais da Xustiza.

Un dos procesos máis complexos que dirixiu foi a acusación do caso Aspergillus, cuxo xuízo durou case un mes.
Descargar todas as imaxes