Escoitar

O Concello consegue unha subvención de 43.000 euros para mellorar o transporte público vigués

O Concello de Vigo vai dispoñer de 43.200 euros para realizar estudos de mellora do transporte público. O INEGA, o Instituto de Enerxía de Galicia, decidíu conceder esta subvención solicitada polo goberno local para extender o carril bus na cidade e mellorar o servizo á Cidade Universitaria de Vigo e ao Parque Tecnolóxico de Valadares.

venres, 29 feb 2008
1204296235trafico290208.jpg
O concelleiro de Tráfico e Mobilidade, Xulio Calviño, salientou o traballo do goberno local para potenciar o transporte público na cidade, sobre todo "nos grandes núcleos de poboación", como é o caso do CUVI e do Parque Tecnolóxico. Calviño recordou que estas iniciativas xa se están a pór en marcha en Vigo coa nova liña 13 ao hospital Meixoeiro, que comeza a operar o próximo luns, e co servizo especial á planta de PSA Peugeot Citroën, cuxo convenio será asinado en próximas datas, segundo avanzou o concelleiro.

Xulio Calviño afirmou que, para fomentar o uso do transporte público en Vigo, este debe ofrecer unha "alternativa válida e atractiva que mellore a mobilidade e funcionalidade do vehículo privado", e puxo como exemplo a nova liña ao Meixoeiro, "o mellor xeito de chegar ao recinto", sentenciou Calviño. O concelleiro salientou tamén que "o INEGA recoñece a preocupación medioambiental" dun Concello que "está a traballar pola racionalización do uso do transporte privado".

O goberno local solicitou 60.000 euros ao organismo autonómico para elaborar senllos estudos de mellora do servizo á Cidade Universitaria de Vigo, unha zona a 12 km do centro e que recibe diariamente a afluencia de 13.000 persoas, e ao Parque Tecnolóxico de Valadares, a 7 km da cidade e cunha presenza aproximada de 3.500 persoas. O INEGA concedeu o 60% da cantidade solicitada, 36.000 euros en total, 18.000 por cada un dos proxectos presentados.

Ademais, o Concello recibiu outros 7.200 euros do INEGA para a implantación e extensión da reserva do carril bus na cidade. Neste caso tamén foi outorgado o 60% dos 12.000 euros solicitados polo goberno vigués.
Descargar todas as imaxes