Escoitar

O Centro Comercial A Laxe conta xa coas licenzas de actividade e primeira ocupación

O Centro Comercial A Laxe xa ten as licenzas de actividade e primeira ocupación. Así o anunciou este venres a concelleira de Urbanismo, Carmen Silva, quen explicou que este xoves Zona Franca lle entregou ao Concello a documentación técnica que faltaba para cumprir este requisito.

venres, 29 feb 2008
1204302301carmelasilva290208.jpg
Silva lembrou que a Xerencia de Urbanismo solicitara esta documentación o 13 de febreiro por medio dun informe que foi recibido por Zona Franca o día 15. Finalmente, a licenza foi asinada este xoves, polo que a concelleira salientou que desde o Concello "se actuou con dilixencia".

Ademais, Carmen Silva recordou que o proxecto de plan de tráfico para o contorno do centro comercial "está redactado" e, neste sentido, asegurou que existe un "compromiso ineludible" por parte de Zona Franca e do Porto para a súa realización. A concelleira cualificou de "complexa" a situación da circulación na zona nestes momentos, pero indicou que "se están tomando todas as medidas para evitar problemas".

Cumprimento da legalidade

Por outra parte, Carmen Silva avanzou que o Concello "vai esixir a todos os cidadáns de Vigo" o cumprimento da normativa urbanística vixente. Para iso, anunciou que o Concello actuará de oficio cando o considere necesario, executará sancións e recorrerá á paralización e ao precinto de obras. A concelleira explicou que con estas medidas se busca unha perspectiva "o máis positiva posible" con respecto ás posibles infraccións urbanísticas, para evitar chegar ao extremo de derrubar construcións. Así mesmo, Carmen Silva manifestou que unha das súas prioridades de cara á eventual aprobación Plan Xeral é "que todo aquilo que sexa legalizable se legalice".
Descargar todas as imaxes