Escoitar

FranquiAtlántico celebrará a súa novena edición do 7 ao 9 de marzo no IFEVI

Catrocentas firmas estarán representadas na novena edición de FranquiAtlántico, o Salón das Franquicias e dos Negocios, que se celebrará no IFEVI do 7 ao 9 de marzo. FranquAtlántico está consolidado xa como un dos referentes máis importantes do sector franquiciador no contexto da Península Ibérica.

luns, 3 mar 2008
1204557243franquiatlantico030308.jpg
Presentación da feira, este luns no Concello
Os obxectivos do certame son dous: servir ás franquicias como lugar de encontro cos seus potenciais clientes e dar aos emprendedores a oportunidade de coñecer alternativas de negocio que se adapten mellor aos seus recursos e á súa experiencia e preparación.

Despois de oito anos de organización, FranquiAtlántico ten unha repercusión máis que evidente no desenvolvemento da franquicia no Noroeste peninsular. De feito, unha elevada porcentaxe das franquicias abertas cada ano en Galicia e o norte do país veciño iniciaron os seus contactos no Salón.

FranquiAtántico concíbese como un certame decisivo para facer realidade a situación actiual do comercio galego, no que se contabilizan 35 cadeas con orixe na nosa comunidade, fundamentalmente dos sectores da moda e da restauración, e en menor medida de servizos. A facturación supera os 1.000 millóns de euros e o volume de emprego sitúase en torno ás 15.000 persoas.

Galicia mantense no quinto lugar do ránking español en canto a número de establecementos, e cun crecemento importante. Proba diso é que en 2007 a comunidade galega contaba con 264 establecementos máis que en 2006, o que fai un total de 3.526, xerando máis de 19.000 empregos directos, 6.000 máis que en 2006.

Salón do Emprendedor

De forma paralela a FranquiAtlántico celébrase un ano máis o Salón do Emprendedor do Atlántico (SEA), como punto de contacto dos emprendedores con empresas, institucións, asociacións, organismos e especialistas referentes no sector.

O certamén mantén a súa filosofía inicial: ofrecer un espazo aberto no que articular toda a rede emprendedora de administracións públicas, entidades privadas, asociacións e colectivos profesionais para fomentar e estimular a creación de novo tecido empresarial e permitir que calquera idea empresarial encontre as canles e recursos óptimos para converterse en realidade.

Un dos piares básicos de FranquiAtlántico é a formación, polo que o Salón do Emprendedor desempeña un papel primordial, ao achegar a franquicia aos mozos que son, na práctica, os futuros franquiciados, e que deste modo poden coñecer de forma cómoda e completa as diferentes posibilidades de negocio, así como as facilidades e tipos de asesoramento con que contan para poñer en marcha unha empresa, solventando as súas posibles dúbidas sobre como elaborar un plan de empresa e sobre os factores de éxito empresariais ou as subvencións ás que poden optar.

Actividades complementarias

Dentro do Salón das Franquicias e dos Negocios están programadas varias actividades complementarias. Así, no Foro da Franquicia e do Emprendedor os profesionais do sector presentarán diferentes ponencias sobre aspectos desta actividade empresarial, as súas necesidades e tendencias futuras. O Foro contará coa dirección técnica da Asociación Española de Franquiciadores.

Por outra parte, a Aula da Franquicia servirá para que as empresas dipoñan dun espazo onde expoñer en profundidade a potenciais clientes os seus produtos e servizos e ofrecer unha información personalizada adaptada ás necesidades do cliente.

Finalmente, o VIII Premio FranquiAtlántico recoñecerá o labor das empresas participantes, premiando a enseña que máis se teña destacado pola súa actividade ao longo do ano, a firma estranxeira máis activa e a empresa que presente unha mellor imaxe.
Descargar todas as imaxes