Escoitar

O domingo clausúrase a pista de xeo instalada no auditorio do parque de Castrelos

O vindeiro domingo 24 de febreiro clausurarase a pista de xeo, que este ano está instalada no parque de Castrelos, concretamente no Auditorio, co obxectivo de aproveitar esa instalación fóra da época estival e para favorecer o desenvolvemento de actividades lúdicas nun contorno natural. Deste xeito, os interesados aínda poden disfrutar das instalacións o sábado e o domingo en horario continuado de 12.00 a 22.00 horas a un prezo único de seis euros.

venres, 22 feb 2008
A instalación desta pista, cunha dimensión de 20 x 30 metros, forma parte das iniciativas postas en marcha no marco da programación das actividades recreativas e de dinamización da cidade impulsadas pola Tenencia de Alcaldía e a Concellería de Deportes.

Dende a súa inauguración o 1 de decembro pasado, tense desenvolvido un programa de promoción escolar da patinaxe, no que teñen participado nenos e nenas de diversos centros de ensino da área viguesa. O proxecto, desenvolvido pola Tenencia de Alcaldía e a Concellería de Deportes, está xestionado pola empresa Special Events Productions S.L., unha das que teñen maior experiencia neste tipo de actividades.