Escoitar

Santi Domínguez acada o respaldo de Turismo da Xunta para apoiar a posta en marcha dos voos entre Vigo e México

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, acadou este xoves o apoio da Dirección Xeral de Turismo da Xunta para pór en macha ao longo de 2008 a unión aérea de Vigo con México, segundo anunciou tras a reunión que mantivo en Santiago co director xeral de Turismo, Rubén Lois, o representante de Avolar en Europa, Rubén Vila, a xefa de escala da compañía, Marga Pedreira, e o tamén integrante da compañía, José Durán.

xoves, 21 feb 2008
Así mesmo, o tenente de alcalde indicou que acordaron celebrar reunións cada quince días "encamiñadas a desenvolver as xestións oportunas para que o proxecto teña viabilidade económica".

"Mantivemos unha reunión moi fructífera", salientou o tenente de alcalde, ao tempo que subliñou que a posibilidade de conectar Vigo e México "é moi importante", aínda que recoñeceu que existen flecos "por resolver". Ao respecto, sinalou que existe xa un acordo coa operadora Plantour e contactos con diversas empresas, para garantir a viabilidade económica do proxecto.

Santi Domínguez adiantou que tanto a Dirección Xeral de Turismo como a Tenencia de Alcaldía van colaborar coa compañía nas xestións e negociacións que se desenvolverán para conseguir pechar esta cuestión. "Botaremos unha man para lograr os investimentos que faltan falando con diversas empresas do sector da hostelería, o turismo e aquelas que poidan estar interesadas neste proxecto", co obxectivo de que o sector privado "faga unha aposta por esta iniciativa".

O tenente de alcalde dixo que "o proxecto está ben encamiñado, pero aínda queda moito traballo por facer". No entanto, garantiu que "imos acompañar neste camiño" a Avolar para tratar de acadar o obxectivo. Na súa intervención, Santi Domínguez fixo fincapé en que a unión dunha cidade "media alta" como Vigo e México mediante un voo transoceánico sería a primeira "destas características". A conexión permitiría enlazar Vigo con Cancún, Toluca e Miami. O obxectivo de Avolar é que estas liñas poidan estar operativas antes de que remate o ano.