Escoitar

O Servizo de Axuda no Fogar atendeu 557 persoas en 2007, o 70% gratuitamente

A concelleira de Benestar Social, María Méndez, fixo balance este xoves do labor desenvolvido polo Servizo de Axuda no Fogar (SAF), dirixido polo seu departamento a través dun convenio asinado coa Cruz Vermella de Vigo. Na súa intervención, María Méndez indicou que un total de 557 persoas se beneficiaron deste servizo ao longo de todo o 2007, das que o 78,4 por cento son mulleres e o 71,1 por cento son persoas de idade superior aos 76 anos.

xoves, 21 feb 2008
1203606210benestar210208.jpg
"O Servizo de Axuda no Fogar é un programa pensado para as persoas que polas súas características non poden desenvolver as actividades básicas da vida diaria", explicou a concelleira, quen subliñou que o orzamento destinado a este ano 2008, cifrado en 1.475.000 euros, supuxo un incremento do 18,64 por cento respecto ao do ano pasado, que foi de 1.200.000 euros. Con este incremento orzamentario preténdese dar resposta á demanda detectada respecto a este servizo e a lista de espera existente, que María Méndez situou en 379 persoas a 31 de decembro do 2007.

Segundo a concelleira de Benestar Social o obxectivo básico deste servizo consiste en "favorecer o incremento da autonomía persoal no seu medio habitual de vida", e para acadalo desenvólvense programas individualizados, de carácter preventivo e rehabilitador, nos que se articula un conxunto de servizos e técnicas de intervención que consisten en atención persoal, doméstica, de apoio psicosocial e familiar, e diversas atencións complementarias, como o servizo de lavandería ou de xestión das citas médicas.

Para levar a cabo estas tarefas o SAF conta cunha técnico responsable, cinco traballadoras sociais, unha psicóloga, un avogado, dous administrativos, 85 auxiliares e 45 persoas integrantes do voluntariado. Ademais, o SAF organiza diversas actividades lúdicas ao longo do ano, como excursións, festas en verán e Nadal, obradoiros e visitas aos centros de día.

A puntuación que o persoal técnico realiza das solicitudes rexistradas baséase diversos criterios, entre os que se atopan o feito de que as persoas demandantes estean empadroadas no Concello de Vigo e non conten cun apoio familiar suficiente. No seu balance, a concelleira sinalou que o setenta por cento dos usuarios gozan do servizo de xeito gratuíto, mentres que o resto paga arredor de 25 euros mensuais. "Trátase dun servizo da máis alta calidade e que conta coa satisfacción dos usuarios e usuarias, segundo indican as enquisas efectuadas, e queremos seguir apostando pola calidade", subliñou María Méndez.
Descargar todas as imaxes