Escoitar

Benestar Social asinará no mes de marzo o novo convenio coa Asociación de Xordos de Vigo

A concelleira de Benestar Social, María Méndez, anunciou este venres que ao longo do vindeiro mes de marzo asinará o novo convenio de colaboración coa Asociación de Xordos de Vigo. Ademais, durante a visita que realizou ás xornadas de portas abertas organizadas por esta entidade asegurou que a achega municipal, cifrada actualmente en 16.500 euros, experimentará un incremento para impulsar a defensa da lingua de signos, desenvolver campañas de sensibilización sobre a realidade das persoas con discapacidade auditiva e fomentar a súa integración.

venres, 22 feb 2008
1203685355signos220208.jpg
"Nós ben sabemos o que significa a defensa dunha lingua e por iso somos conscientes da importancia que este feito ten para este colectivo", sinalou María Méndez, quen subliñou que dende o seu departamento se impulsarán campañas de sensibilización co obxectivo de que toda a cidadanía coñeza o que se está a facer neste ámbito e fomentar que a integración destas persoas "sexa unha realidade". Neste sentido, a concelleira de Benestar Social salientou que as xornadas de portas abertas organizadas pola Asociación de Xordos de Vigo baixo o lema "A lingua de signos, agora máis que nunca", contribúen dun xeito especial ao logro destes obxectivos, así como a coñecer a realidade das persoas con discapacidades sensoriais, polo que felicitou a asociación viguesa pola súa iniciativa.

Na súa visita, que se enmarca na rolda de encontros que está a desenvolver con diversos colectivos da cidade para coñecer de primeira man a súa realidade cotiá, María Méndez fixo referencia ao traballo desenvolvido polo deputado e a deputada do BNG nas Cortes Xerais para a aprobación definitiva da Lei de Lingua de Signos, así como o compromiso expresado dende Vicepresidencia da Xunta. Precisamente este traballo foi recoñecido na súa intervención por Miguel A. González Lloves, presidente da Asociación de Xordos de Vigo.
1203685355signos220208.jpg
1203685373signos220208b.jpg
1203685387signos220208c.jpg
Descargar todas as imaxes