Escoitar

"Amadís de Algures", teatro de títeres para escolares no Auditorio Municipal

Froito da colaboración do Servizo de Educación do Concello de Vigo e do Departamento de Cultura da Deputación de Pontevedra, o Auditorio Municipal albergará este mércores o espectáculo de títeres para escolares "Amadís de Algures", a cargo da compañía Artello Teatro alla scala 1:5. Esta actuación está enmarcada na "Campaña do Títere na Escola" que promove a Deputación Pronvincial xunto coa Asociación Titerescola.

martes, 23 out 2007
1193128605artelloteatro231007.jpg
Ao longo das dúas sesións matinais programadas para escolares ás 10.30 e ás 12.00 horas respectivamente, 345 alumnos de 2º e 3º ciclo de primaria, pertencentes a oito centros de ensino da cidade, terán a oportunidade de achegarse a gozar da referida obra teatral de títeres, ofertada no marco do programa educativo municipal "Vigo por dentro".

Os centros de ensino participantes son os seguintes: Colexio Caixanova, CEIP Altamar, CEIP Canicouva, CEIP Paraixal, CEIP Vicente Risco, CEP Doutor Fleming, Colexio Miralba e Colexio San Fernando.

Sinopse

No fragor da guerra que asola Algures, un bebé é depositado a bordo dunha arca para poñelo a salvo dunha morte segura. Baixo a protección da fada Urganda arriba a un reino afastado, onde é acollido polo cabaleiro Gandales e a súa dona Leonora. Dende neno, a súa vitalidade provoca a admiración das xentes do anquilosado país no que vive. Sendo mozo atopa no bosque á princesa Oriana, que está en perigo. A partir dese intre, a súa maior aspiración será ser nomeado cabaleiro.

Cuns diálogos mínimos, cáseque onomatopeicos e con retais de músicas de distintas épocas e estilos reconstrúese o mundo da cabalería andante. Deste cóctel resulta unha estética máxica, ao tempo sinxela e moi expresiva, cunha linguaxe universal que atrae ao público asistente.

Artello Teatro

A compañía Artello foi fundada en Vigo en 1978, e desde entón ten realizado un total de 17 espectáculos. Dende a súa orixe mantén como base do seu traballo a creación colectiva. Ademais, en 1994, baixo a dirección de Rosa Hurtado e Santiago Montenegro, inicia unha liña de investigación na mestura de obxectos, actores e sombras, entre outros elementos nas súas propostas. Artello Teatro ten participado nos festivais, feiras, redes e programacións máis importantes do sector e ten recibido o Premio á Mellor Posta en Escena en FETEN (Gijón) e á Mellor Estética no Festival Internacional de Albaida (Valencia).
Descargar todas as imaxes