Escoitar

Aprobado inicialmente o borrador de orzamento municipal para 2008

A Xunta de Goberno Local deu o seu visto bo, na reunión extraordinaria que mantivo este martes, á aprobación inicial do borrador do orzamento municipal para 2008. O alcalde, Abel Caballero, salientou a rapidez coa que se está tramitando este orzamento, mostra dunha "magnífica coordinación política", e fixo fincapé na cifra de 231,3 millóns que contempla, un 22,7% máis que o de 2005.

martes, 23 out 2007
1193147707orzamentos231007.jpg
A aprobación inicial do novo orzamento, asegurou o alcalde, sinala o "bo funcionamento e a capacidade deste goberno", que traballa nesta tarefa, dixo, "como se fose monocolor" e co obxectivo de "atender as necesidades de Vigo".

Caballero destacou o feito de que este orzamento sexa "o máis elevado da historia de Vigo", así como a relevancia que adquiren nel, de cara a 2008, tres áreas do Concello: primeiro, a de Vías e Obras e Parques e Xardíns, que contarán con investimentos "certamente notables" para "facer cidade". Isto reflíctese, por exemplo, no incremento do 27% en Parques e Xardíns con respecto ao orzamento de 2005; o 21% máis que se destinará á recollida do lixo e o incremento do 128% en Vías e Obras.

As outras áreas destacadas polo alcalde son as de Seguridade e Transporte, cunha suba do 61% para o transporte público, e a de política social, con aumentos como o do 35% en Relacións Cidadás, 30% en Voluntariado e 65% en Deportes.

Abel Caballero estivo acompañado na presentación deste orzamento pola concelleira de Economía e Facenda, Raquel Díaz, quen salientou o "equilibrio, racionalidade e transparencia" das contas muncipais para 2008.
Descargar todas as imaxes