Escoitar
Dirixido a emprendedoras que crearan ou vaian crear a súa empresa na Mancomunidade da Área Intermunicipal de Vigo

Inicio do curso "Finanzas para empresarias"

O Proxecto Conta con Elas ofrece 40 prazas gratuítas para o curso "Finanzas para empresarias" de 65 horas de duración que se desenvolverá online entre os días 27 de setembro ó 12 de novembro do 2007.

martes, 18 set 2007
As persoas prioritariamente destinatarias da formación son emprendedoras que crearan ou vaian crear a súa empresa na Mancomunidade da Área Intermunicipal de Vigo, preferentemente en sectores tradicionalmente masculinizados, proxectos innovadores ou medioambientais.

As mulleres que queiran concorrer á selección deben ser residentes no territorio da Mancomunidade de Vigo e presentar a súa solicitude antes do día 24 do mes de setembro. Pódese encontrar máis información no sitio web do Proxecto Conta con Elas (www.contaconelas.org).

A metodoloxía do curso é a distancia titorizada. Haberá unha sesión presencial para a presentación da plataforma. O obxectivo é introducir e afondar nas cuestións básicas na xestión das finanzas empresariais para a xestión óptima das empresas.

Entre outros temas se axudará a identificar os diferentes ciclos que xeran a actividade empresarial e os documentos básicos na xestión financeira, a coñecer as necesidades financeiras vinculadas á creación da nova empresa e a analizar as diversas fontes de financiamento existentes na empresa e tratar de valorar dende un punto de vista homoxéneo como é o custo que supoñen para a empresa.

O Proxecto Conta con elas enmárcase dentro da iniciativa Equal do Fondo Social Europeo, dedicada a promover novos métodos de loita contra toda clase de discriminación e desigualdade no acceso a un mercado de traballo aberto a todos e todas, a través da sensibilización en materia de igualdade de oportunidades entre homes e mulleres para corrixir a segregación horizontal e vertical no eido laboral. O orzamento do proxecto, preto dos tres millóns de euros, é un dos máis altos de España.