Escoitar

Benestar Social potenciará a prevención de drogodependencias e a incorporación social

A concelleira de Benestar Social, María Méndez, afirmou este martes que dende o seu departamento se potenciarán as políticas de prevención de drogodependencias e incorporación social, tomando como punto de partida o último estudo epidemiolóxico realizado en Vigo no ano 2005, e tendo en conta que as tarefas asistenciais pasarán a depender paulatinamente do Sergas.

martes, 7 ago 2007
1186493403cedro.jpg
Cedro
Na visita que na mañá deste martes realizou ás instalacións de Cedro na cidade, a concelleira explicou que as conclusións do estudo epidemiolóxico Vigo 2005 serán fundamentais para desenvolver os labores de prevención das drogodependencias. Neste sentido, subliñou que o traballo pon de manifesto a disminución dos casos de consumo de heroína, mentres que aumentan os de cocaína e cannabis.

"Mellorar os servizos que ofrece o Concello de Vigo nestas áreas" é o obxectivo, segundo afirmou Méndez, das políticas que se desenvolverán nos vindeiros catro anos en materia de prevención de drogodependencias, adaptándoas ás demandas actuais da sociedade. Para acadar este obxectivo, no 2007 tivo lugar a ampliación do persoal do centro, coa incorporación dunha traballadora social, que permite o traballo persoal cos usuarios de xeito que incide especialmente na súa formación e capacitación laboral.

No pasado ano, Cedro realizou un total de 59.155 intervencións, un 6,6% menos que en 2005, no que foron 63.343 accións. Por outra banda, atendeu un total de 1.216 usuarios, un descenso do 1,7% respecto ao ano 2005, no que o número de usuarios ascendeu a 1.238.

A visita levada a cabo por María Méndez a Cedro enmárcase no percorrido que está a realizar polos distintos servizos sociais que dependen da Concellería de Benestar Social para coñecer de primeira man o traballo diario e as necesidades dos mesmos.
Descargar todas as imaxes