Escoitar

O Pleno aproba unha modificación orzamentaria de 14,3 millóns de euros

Cos votos favorables de PSdeG-PSOE e BNG, o Pleno da Corporación Municipal aprobou este luns unha modificación orzamentaria de 14,3 millóns de euros. Socialistas e nacionalistas defenderon esta medida afirmando que servirá para afrontar débedas por valor de 11 millóns de euros contraídas polo anterior Goberno.

luns, 30 xul 2007
1185800358pleno300707.jpg
A concelleira de Economía e Facenda, Raquel Díaz (PSdeG-PSOE), explicou que as débedas mencionadas corresponden a gastos autorizados polo anterior Goberno municipal sen a suficiente cobertura orzamentaria.

O incumprimento das obrigas supostamente contraídas polo PP no anterior mandato daría lugar a unha situación que desde o actual Goberno cualifican de "grave", xa que afectaría a "cuestións básicas" entre as que figuran os traballos de mantemento realizados por Vías e Obras, o servizo de axuda no fogar e a saída da Vuelta a España desde Vigo.

Raquel Díaz sinalou, ademais, que o orzamento municipal estaba consumido nun 96% xa en xuño de 2006, polo que na segunda metade do ano "non se poderá gobernar" ao estaren PSdeG-PSOE e BNG coas "mans atadas" se non se acometese a modificación aprobada.

O PP, a través do seu viceportavoz, José Manuel Figueroa, indicou que o Concello de Vigo é "un dos menos endebedados de España". Antes da votación da modificación orzamentaria presentada polo Goberno municipal, o grupo popular abandonou o Salón de Plenos, decisión que a súa portavoz, Corina Porro, explicou afirmando que o PP recibiu a proposta de socialistas e nacionalistas na mañá deste mesmo luns, e que, polo tanto, non pode votar un documento que descoñece.

O Pleno da Corporación deste luns foi suspendido durante media hora ao pouco de comezar polas protestas dun grupo de veciños de Coruxo en relación aos malos cheiros da depuradora do Lagares.
Descargar todas as imaxes