Escoitar

O Concello prepara a saída da Vuelta cun conxunto de actividades relacionadas co ciclismo

O sábado 28 de xullo arrinca o programa de actividades previas á saída desde Vigo da Vuelta Ciclista a España, cunha sesión de ciclismo en bicicleta estática para todas as idades con monitores especializados. Esta actividade desenvolverase no Verbum o sábado e o domingo en horario de 11.00 a 14.00 horas e de 18.30 a 20.00 horas.

venres, 27 xul 2007
1185540281vuelta270707.jpeg
O tenente de alcalde, Santiago Domínguez, salientou na presentación do programa que se trata de ofrecer actividades para o disfrute cidadán. Deste xeito, segundo sinalou, conséguese que a saída da Vuelta sexa unha oportunidade para favorecer o ciclismo base e para facer que a cidadanía participe activamente dun acontecemento que vai supor unha importante proxección para a cidade.

O programa de actividades inclúe tamén unha mostra de pintura deportiva a partir do 21 de agosto no Verbum e unha exposición conmemorativa do 120 aniversario da primeira competición ciclista en Galicia, do 27 ao 31 de agosto no edificio da Xunta.

No plano deportivo, as competicións comezan este domingo 29 coa Volta Ciclista + Nov@s, unha marcha cicloturista para rapaces e rapazas non federados da localidade, e continuarán o martes 31 con outra marcha cicloturista que permitirá aos afeccionados realizar os 123 kilómetros da primeira etapa da Vuelta. Como remate das actividades celebrarase a gala de presentación da Vuelta o mesmo martes no parque de Castrelos, onde se realizará a presentación dos equipos ciclistas participantes, amenizada con actuacións musicais.

Estas actividades están organizadas pola Consellería de Cultura e Deporte, o Concello de Vigo, a Fundación Deporte Galego, a Federación Galega de Ciclismo e Unipublic. Santiago Domínguez agradeceu o esforzo de todas as institucións e entidades para levar adiante este proxecto e adiantou ademais que o Concello de Vigo vai desenvolver outra serie de actividades para complementar este programa e facer que a cidade viva intensamente este evento deportivo. "Vigo vaise volcar con este acontecemento, porque son eventos como este os que necesita esta cidade para potenciarse e promocionarse nos grandes circuítos internacionais", asegurou.
Descargar todas as imaxes