Escoitar

O Berbés acolle a XVII Mostra do Traxe Tradicional Galego

Os máis fermosos traxes galegos daránse cita na praza do Berbés de Vigo este sábado na Mostra do Traxe Tradicional Galego que, co patrocinio de El Corte Inglés e a Concellaría de Animación Sociocultural, este ano alcanza a súa XVII edición.

venres, 27 xul 2007
1185535796traxe.jpeg
A cita comezará ás 22.30 horas no Berbés, onde se amosarán traxes como o feminino de casamento de Salceda do Courel, o de gala de home de Tui, o de gala feminino das Mariñas, ou o de gala de home da comarca de Santiago.

Actuacións

Ademais do desfile de traxes, a Mostra inclúe as actuacións do grupo da Escola Municipal de Danza e Percusión Tradicional do Concello de Vigo (EMD), dirixida por Wenceslao Cabezas "Polo", e a de Álvaro Costa’s & Hot Band.

O grupo da EMD fundouse no ano 1939 para asistir a unha concentración en Medina del Campo. Desde 1942, ano en que se iniciaron os concursos nacionais, participou neles con éxito continuado, acadando varios premios. Ten actuado practicamente en todo o mundo, chegando a facelo no Oriente Medio durante un mes no ano 1964. Representou a Galicia no Festival Intercéltico de Lorient nos anos 1978, 1981, 1985, 1987, 1991, 1994 e 1999. Nas súas actuacións acompáñase sempre do grupo tradicional Airiños do Parque de Castrelos.

Álvaro Costas & Hot Band é froito da fusión de diferentes estilos e caracteres musicais e, ao mesmo tempo, unha forma distinta de transmitir a música folc, abordada coa forza do músico Álvaro Costas, gañador do terceiro premio no campionato do mundo para gaiteiros solistas "Trophe McAllan", en Lorient. Álvaro Costas (gaita, whistles e voces) actúa acompañado de Suso Costas (batería, bodhran, percusións e coros), Samuel Soto (guitarra e coros), Andrea Navarrete (acordeón, teclados e coros) e Arturo Usoz (baixo e efectos).
Descargar todas as imaxes