Escoitar

Regreso ao pasado da man de Los Secretos e Nacha Pop en Castrelos

O Auditorio de Castrelos acollerá este xoves a partir das 22.30 dous dos mitos dos anos prodixiosos do pop español, Los Secretos e Nacha Pop. A partir da mesma hora, o Festival Vigofolcelta traerá á praza da Independencia o folk de Balbarda.

xoves, 26 xul 2007
118544811321secretos.jpg
Los Secretos
Este concerto permitirá que varias xeracións poidan reunirse e bailar ao son de cancións que dende hai anos son de todos e forman parte da memoria musical e histórica deste país, e que a pesar do transcurso de tempo, fan que estes dous grupos sigan a estar na cresta da onda.

Los Secretos, a pesar da súa longa traxectoria, son unha banda atípica que fuxiu das modas para refuxiarse nun son propio, inimitable e atemporal. Deste xeito, conseguiron escribir algunhas das mellores cancións do pop español, "Déjame" ou "Quiero beber hasta perder el control", que este xoves recordarán para os vigueses en Castrelos.

Pola súa banda, Nacha Pop, coa súa xira "80-07", tamén revivirá as súas cancións de sempre, como "Chica de ayer" ou "Ojos de gata", xunto a temas das súas experiencias en solitario máis catro novas cancións.

Vigofolcelta

Por outra banda, a praza da Independencia acollerá, tamén a partir das 22.30, a actuación de Balbarda, dentro do Festival Vigofolcelta.

Balbarda é unha banda dedicada á música folk baseada na tradición da Península Ibérica, que é interpretada baixo un punto da vista moderno e persoal, recreando o máis puramente tradicional con tintes de contemporaneidade.

Balbarda logrou o prestixioso premio de música folk de Navelgas e recibiu o segundo premio no festival internacional de música étnica de Chiclana.

Vigofolcelta rematará o venres 27 de xullo no Auditorio de Castrelos por todo o alto coas actuacións dos grupos Sondeseu, a primeira orquestra folk de Galicia, e Flook, gañadores do premio ao mellor grupo nos BBC Folk Awards 2006.
118544811321secretos.jpg
1185448133nachapop.jpeg
1185448149balbarda.jpg
Descargar todas as imaxes