Escoitar

As obras de reforma de Benestar Social continuarán cun orzamento de 206.000 euros

A Xunta de Goberno Local aprobou este luns o proxecto modificado das obras de reforma do Departamento de Benestar Social e adxudicou os traballos á empresa Orecco S.A. por un importe de 206.000 euros.

luns, 23 xul 2007
Polo mesmo acordo, o Goberno local autoriza a continuación dos traballos de reforma das instalacións do mencionado departamento, ao estimar que a súa suspensión produciría graves prexuízos para os usuarios e o propio departamento.

A execución das obras foi adxudicada a Orecco S.A. en decembro de 2005 por un prezo de 121.000 euros. Posteriormente, os técnicos municipais encargados da dirección das obras comprobaron a necesidade de contemplar novas partidas, ao estar prevista a construción dunha entreplanta que supón a restauración e desmontaxe do mural "Inverno", situado na mesma zona. Deste xeito, e seguindo indicacións dos arquitectos municipais, estableceuse un incremento de 85.000 euros sobre o orzamento inicial.

Aparcadoiro da praza da Independencia

Ademais, a Xunta de Goberno aprobou a revisión das tarifas do aparcadoiro municipal da praza da Independencia, establecéndoas en 1,25 euros. Esta cantidade é o resultado de aplicar o IPC da anualidade abril 2006/2007, que foi de 2,4%, ao importe fixado para 2006, que era de 1,20 euros. Deste xeito obtense unha tarifa revisada de 1,23 euros, que se redondea ata quedar nos mencionados 1,25 euros.

Coa entrada en vigor da Lei 44/2006 de 29 de decembro de mellora da protección dos consumidores e usuarios o próximo 1 de setembro, o prezo da tarifa pasará a pagarse por minuto, o que suporá un desembolso de 0,02 euros por unidade de tempo.