Escoitar

Turismo de Vigo promociona a cidade na Rede

O tenente de alcalde e concelleiro de Comercio e Turismo, Santiago Domínguez, presentou este luns a páxina web de Turismo de Vigo, unha nova iniciativa para a promoción da imaxe da cidade a nivel interno e no exterior.

luns, 23 xul 2007
1185195409webturismo230707.jpg
Segundo sinalou Domínguez, a presentación da páxina web (www.turismodevigo.org) enmárcase nun conxunto de iniciativas que se darán a coñecer proximamente e que seguirán dúas liñas de traballo: por unha parte, a de promoción interna da cidade, coa que se pretenderá involucrar os vigueses na mellora da imaxe da cidade; e por outra, a promoción de Vigo "alí onde realmente nos interesa". Deste xeito, a Concellería de Comercio e Turismo quere que Vigo sexa unha "cidade tentadora" na que "a xente teña que quedar".

A páxina web de Turismo de Vigo conta con máis de 300 imaxes e máis de 300 textos. A información pode consultarse en galego, castelán e inglés e é complementada con mapas de localización que sitúan con exactitude os puntos de atractivo para os turistas.

A web estrutúrase en catro seccións. A primeira, titulada "Ven a Vigo", contén información básica sobre a cidade, por exemplo sobre a forma de chegar e moverse por ela, os puntos de información turística e posibles rutas para os visitantes.

A segunda sección céntrase na oferta gastronómica e cultural da cidade, con información relativa aos centros artísticos e á vida nocturna de Vigo.

No apartado "Natureza e deportes" os visitantes poden achegarse ás praias do municipio, así como aos aspectos máis destacados da súa natureza, como o Parque Nacional das Illas Atlánticas, e das súas actividades deportivas, entre as que merecen especial atención as activiades náuticas.

Finalmente, a sección "Profesional" dá conta da información relacionada co turismo de feiras e congresos. Este apartado ofrece datos sobre o Recinto Feiral de Vigo (IFEVI) e o futuro Auditorio-Pazo de Congresos, así como enlaces aos auditorios e hoteis de Vigo.

A páxina web de Turismo de Vigo complétase cunha sección meteorolóxica, na que se poderán consultar datos actualizados sobre a situación do tempo na cidade.
Descargar todas as imaxes