Escoitar

Vigo conmemora esta fin de semana a Reconquista da vila ás tropas napoleónicas

Durante esta fin de semana teñen lugar en Vigo os actos da Reconquista, cos que se conmemora cada ano a vitoria sobre as tropas napoleónicas, culminada o 28 de marzo de 1809. Animación de rúas, exposicións e demostracións de oficios tradicionais conforman o programa da celebración.

venres, 30 mar 2007
1175245059reconquista07.jpg
A Reconquista, cos seus case dous séculos de historia, é un dos principais sinais de identidade de Vigo e con ela preténdese promover entre os vigueses os valores de entrega e amor pola súa cidade. O acontecemento, ocorrido o 28 de marzo de 1809, foi a culminación dunha serie de feitos históricos que se inicia o 31 de xaneiro dese mesmo ano coa chegada das tropas francesas.

O 1 de febreiro, coa suma dun novo continxente de invasores, o pobo admite que coas tropas con que contaba Vigo non había nada que facer. O 15 de febreiro, o mariscal Soult deixa Vigo para invadir Portugal. Os rexedores vigueses aproveitan a ocasión para coordinar esforzos coa xente de fóra, como Caetano Parada, alcalde de Bouzas. A situación mellora para os nosos o 17 febreiro, cando saen máis franceses para Portugal, quedando só en Vigo mil dos seus soldados.

O 7 de marzo Vigo queda cercado polas "alarmas", as unidades militares de voluntarios populares, que son reforzadas ao día seguinte polas xentes da Guarda, Tui e Cotobade. O sitio refórzase co bloqueo do abade de Valadares, axudado polo capitán Bernardo González del Valle "Cachamuíña" e o día 14 polas forzas do capitán Inda, Joaquín Tenreiro, o tenente Almeida e mailo abade do Couto e Vilar.

Días despois, o 24 de marzo, os deputados de abastos dan conta aos mandos franceses de que o pobo non atura máis tras dúas semanas sen pan e sen víveres polo peche rigoroso das portas da vila. Ao día seguinte, os franceses permiten abrir as portas da muralla a certas horas, o que posibilita o contacto entre os vigueses e debilita a moral dos invasores.

Os franceses, desmoralizados, saboteados polos veciños, aguilloados constantemente desde dentro e desde fóra, deciden entregar a praza o 28 de marzo. Así, ao mencer tiran a bandeira branca, pero os sitiadores inician a refrega. Atácase desde todas as posicións, máis fortemente pola porta da Gamboa. O lendario "Carolo" morre ao tentar esnaquizar a porta cun machado que "Cachamuíña" recolle para continuar atacando ata que cae ferido de catro balazos.

A rendición dos franceses sélase coa entrega de máis de 1.400 soldados. Os napoleónicos embarcan nas fragatas inglesas e deixan en Vigo 39 canóns, 107 caixas de municións, 57 quintais de pólvora, 339 famentos cabalos, 60 carros, 117.000 francos e a equipaxe de Soult.

A francesada supuxo un duro golpe para a economía de Vigo: perdeuse a vida de moitos homes e abandonáronse o mar e o campo. No lado positivo, Vigo pasou de ser Vila Nobre e Moi Leal a Cidade Leal e Valerosa e contou desde entón coa lembranza dunha xesta gloriosa. Os valores que inspiraron este acontecemento hai case douscentos anos seguen a estar presentes na celebración do Día da Reconquista.
Descargar todas as imaxes

Máis información