Escoitar

45 persoas reciben os diplomas de formación do proxecto Activate

A concelleira de Desenvolvemento Local e Emprego, Lucía Molares entregou, hoxe xoves, os diplomas ás 45 persoas que participaron nos itinerarios de inserción laboral do proxecto Actívate, de axudante de cociña, de conductores, de teleoperadores e de limpeza.

xoves, 29 mar 2007
Destas 45 persoas, once formáronse como "axudantes de cociña en centros escolares e sociosanitarios", 14 como "conductores/as-monitores/as de transporte adaptado e escolar", nove como "teleoperadoras/as" e outras once como "expertos/as en limpeza". 37 destas persoas son mulleres (máis do 80 %), colectivo prioritario dentro do Plan Municipal de Emprego 2004-2007, e 8 son homes.

Así mesmo, cabe mencionar que o proxecto tamén prioriza, segundo os seus obxectivos, a participación para a mellora da súa ocupabilidade de demandantes de emprego con especiais dificultades para a súa inserción no mercado de traballo pola súa pertenza a colectivos en situación ou en risco de exclusión social, polo que o 70% das 45 persoas indicadas son, entre outras, persoas con distintas discapacidades, mulleres víctimas de violencia doméstica, inmigrantes, persoas de etnias desfavorecidas ou extoxicómanos.

Salientar que nestes momentos 17 destas persoas xa acadaron a súa integración laboral (37,8 %) a través dun contrato de traballo e que dende o proxecto séguese a traballar para que nos próximos meses este número acade o obxectivo do 50 %.

Os itinerarios de inserción laboral desenvoltos contemplaron ademais de módulos de formación específica e complementaria, módulos de práctica laboral en entidades ou empresas relacionadas cos ámbitos de formación aos que se refiren estes itinerarios. Neste sentido foron 16 as entidades ou empresas da cidade coas que se asinaron convenios de colaboración.

Este proxecto é unha iniciativa da Concellaría de Desenvolvemento Local e Emprego do Concello de Vigo, integrada no Plan municipal de emprego 2004-2007, e subvencionada polo Ministerio de Administracións Públicas no marco do Programa Operativo de Fomento de Emprego a través da Subvención Global do Fondo Social Europeo.

Actívate continuará as súas accións ata xullo do presente ano, desenvolvendo ademais outros 2 itinerarios de inserción laboral para 30 desempregados/as nas especialidades de auxiliar de axuda a domicilio, lenzaría e lavandería.