Escoitar

Concedidas as licencias dos primeiros edificios do Polígono de Navia

xoves, 7 mar 2002
imx1174.jpg
Reparcelación do Parque Tecnolóxico
O Concello de Vigo concedeu hoxe as dúas primeiras licencias para a construcción de edificios no PAU de Navia. Lois Castrillo afirmou que deste xeito cúmprese o seu compromiso, adquirido ao acceder á Alcaldía, de acelerar a tramitación deste polígono urbanístico para que se puideran construír canto antes as catro mil vivendas previstas.

O alcalde asegurou que Navia vai ser o gran polo de crecemento urbano de Vigo no futuro próximo e subliñou a estreita colaboración mantida polo Concello co Instituto Galego da Vivenda e o Solo para desenvolver este polígono residencial.

As licencias concedidas hoxe corresponden a un edificio de nove alturas que albergará 144 vivendas e a outro de seis alturas para 48 vivendas. Ámbolos dous edificios contarán con garaxe e baixos comerciais. Os dous inmobles son de promoción privada e teñen un presuposto de obra de 7.688.000 euros.


Aprobado o proxecto de reparcelación do Parque Tecnolóxico

O Concello deu o último paso no proceso de tramitación do Parque Tecnolóxico e Loxístico. O Consello da Xerencia aprobou o proxecto de reparcelación do Parque, que consiste na delimitación e inscrición no Rexistro da Propiedade das novas fincas edificables e das que serán cedidas ao Concello para formar parte do dominio público municipal.

Na memoria do proxecto de reparcelación explícase que o Consorcio da Zona Franca adquiriu por compravenda 1.835 fincas incluídas no ámbito do Plan Parcial do Parque Tecnolóxico. Estas fincas abranguen unha superficie de 87 hectáreas, o 92,5% do total. A superficie restante, 144 fincas que ocupaban 7 hectáreas, foron expropiadas polo Concello. As expropiacións acaban de ser pagadas.

Lois Castrillo subliñou a rapidez coa que o Concello realizou toda a tramitación urbanística do Parque Tecnolóxico (modificación do Pxou, aprobación do Plan Parcial, aprobación do proxecto de Urbanización), unha celeridade que permitiu que xa estén avanzadas as obras de urbanización e instalándose as primeiras empresas.
Descargar todas as imaxes